|
 O Carballo Básket superou o Arteixo.
CARBALLO BÁSKET XIRIA 71 - CB ARTEIXO 65 Marcador: 13-19, 31-29, 48-45, 71-65 Custou ferro e fariña pero chegou a terceira vitoria noutros tantos partidos para o Carballo Básket Xiria. Un comezo dubitativo de partido complicou o encontro, pero os de Basilio Pampín refixéronse para tomar o mando das operacións no segundo período e manterse á fronte da clasificación co cero no taboleiro de derrotas. O CB Arteixo, con vellos coñecidos da afección carballesa nas súas ringleiras como Roberto Vilariño, Adrián Martínez ou Mindi comezou moi atinado en ataque, sobre todo guiados polo acerto de Manu grazas ao que se mantiveron nos primeiros dez minutos por diante no marcador (13-19). O segundo cuarto comezou na mesma dinámica, cos arteixáns mandando ainda que con vantaxes curtas. Víase que en calquera momento se podía dar a volta ao marcador e ese intre chegou a partir do minuto 15. Catro puntos de Molk e cinco de Taibo de xeito case consecutivo dábanlle o empate ao Carballo Básket Xiria que colleitaba a primeira vantaxe do partido cunha canastra de Fran Cristóbal xusto antes de marchar ao descanso (31-29). Con moito traballo e suando cada punto os locais asentáronse á fronte do partido marchando de 5-7 puntos pero sen conseguir abrir unha fenda que lle permitise afrontar os minutos da verdade con certa tranquilidade. Así chegábase ao último período co partido moi aberto (48-45). O acerto no lanzamento de tres puntos no derradeiro cuarto resultou determinante. A cada reacción visitante respostaba o Carballo Básket con triplas en momentos determinantes que lle permitían continuar á fronte do encontro. Ata cinco lanzamentos de 6.25 encestaron os do Xiria nos últimos 10 minutos. Iso, e os tiros libres contra o final deixaron o resultado no definitivo 71-65. CARBALLO BÁSKET 71 (13+18+17+23) Fran Cristóbal 10, Héctor 1, Taibo 16, Molk 12, Tato 12 -cinco inicial- Adrián Pérez 1, Abraham, Juan Fernández 9, Luis Gómez 5, Alessandro e Bruno Calviño 5 CB ARTEIXO 65 (19+10+16+20) Adrián Martínez 7, Manu 18, Antelo 12, Guille Conchado 7, Couto 5 -cinco inicial- Adrián Fuentetaja, Roberto Vilariño 4, Guille Vilanova 2, Naveira 4, García 2, Mindi 4 Pavillón da Zona Escolar. Árbitros: Blanco e Pérez. Eliminaron a Jose Tato polos locais e a Roberto Vilariño no cadro visitante. CRÓNICA DE CARBALLO BÁSKET
|