PUBLICIDAD
| O proxeto mineiro de Corcoesto encontra oposición |
| Lunes, 07 de Mayo de 2012 08:32 | |||
|
Grupos de veciños alertan dos efectos contra o medio ambiente e a calidade de vida. O proxecto de extracción de ouro que a empresa Edgewater pretende impulsar en Corcoesto, Cabana de Bergantiños xa ten oposición en forma dunha plataforma de defensa dos intereses veciñais, que considera que a actividade tería efectos moi negativos para o medio ambiente e para a veciñanza da zona.
Este colectivo puxo a andar un grupo de Facebook e prepara as alegacións o proxeto exposto na Xunta de Galicia. Algúns membros da rede social critican as dificultades que teñen para facerse co documento. Unha copia custa 200 euros e a tardanza en recibilo fai perigar a viabilidade de presentar alegacións en tempo e forma.
Reproducimos aquí o Manifesto pola defensa de Corcoesto, no que desde a plataforma definen a súa visión o respecto desta polémica.
PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO
Un grupo de veciños de Corcoesto vimos de constituír unha plataforma para defender os intereses da nosa parroquia ante a ameaza que consideramos supón a posta en marcha do proxecto mineiro promovido pola empresa Canadense Edgewater. Esta plataforma parte da idea de que unicamente con información se pode ter opinión e criterio para posicionarse a favor ou en contra dun proxecto mineiro destas dimensións. Para conseguir este obxectivo organizaremos xuntanzas informativas e contaremos con expertos (se así se demanda por parte dos veciños) para que nos poidan explicar as repercusións que o proxecto mineiro ten para Corcoesto, para o Concello de Cabana e para os Concellos limítrofes, e todo desde unha perspectiva ampla, na que se analice o impacto económico da mina, a creación de emprego, as rendas que reverten nos concellos e os efectos sobre o medio natural ou sobre a calidade de vida das persoas. Desde a plataforma procuraremos establecer unha rede de contactos con asociacións de defensa da natureza, do medio ambiente, tanto de Galicia como doutras Comunidades Autónomas, así como con colectivos que xa se teñen organizado para defender o seu territorio de proxectos deste tipo. Animamos a todos os veciños, ou aquelas outras persoas que compartan a nosa idea, a formar parte da plataforma. En procesos desta natureza é importante manterse unidos para fortalecer a nosa posición, por iso toda colaboración e apoio é moi importante. ALGUNHAS COUSAS QUE TEMOS QUE SABER: 1.- A auga (a traída veciñal, os pozos e as fontes) A actividade mineira emprega unha gran cantidade de auga procedente dos cursos regulares da zona (ríos, fontes, mananciais, regatos…) que se mestura con cianuro para separar o ouro do resto dos materiais. Para iso é preciso dispor dunhas grandes balsas, teoricamente estancas, que conteñen a auga con cianuro e outros materiais pesados que se liberan nese proceso, coma o arsenio, antimonio, cadmio, cromo, chumbo, níquel, selenio, talio e outras sustancias tóxicas. Isto supón un risco moi alto para o medio natural, pero tamén para a saúde das persoas, xa que poden chegar ao consumo humano a través das filtracións pola rede hídrica. Pero o máis importante quizais non sexa iso, senón que a mina modifica o discorrer das augas soterradas, e por tanto, provoca a seca de fontes e pozos de auga. Obras de menos impacto que a mina, como a construción da vía do tren de alta velocidade de Santiago a Ourense, secou fontes e pozos a quilómetros de distancia de por onde pasaba. Os veciños de Corcoesto temos que saber que corremos un alto risco de quedar sen a auga da traída veciñal, cos efectos que isto ten na nosa vida diaria, máis acusados se cabe, para os titulares de explotacións gandeiras. Tamén temos que saber que é preciso legalizar os pozos e as fontes en “Augas de Galicia”, ou dispor de algún documento que acredite a súa existencia, xa que se como consecuencia da mina secan, non teremos a quen lle reclamar os danos e prexuízos. 2.- As voaduras Para explotar unha mina a ceo aberto fanse voaduras empregando explosivos que fan tremer a terra. Estas voaduras van ser constantes e teñen varios efectos para nós como veciños: o Efectos sobre as casas polas gretas, que provocarán os tremores da terra e que non afectará unicamente ás casas mais próximas á mina. Para poder reclamar aos da mina os posibles danos que ocasionen nas casas, teremos que encargarlle a un aparellador ou a un arquitecto a redacción dun informe da situación da nosa casa (teña gretas ou non na actualidade). Con ese informe debemos ir a un notario para solicitarlle que veña á casa e que á vista do mesmo, levante acta que verifique a realidade do que nel figura. Se non o facemos, e despois como consecuencia da actividade da mina se nos agreta a casa, non poderemos reclamar nada e teremos que asumir os custes da reparación dos danos. o Efectos acústicos, que inciden na calidade de vida das persoas e dos animais. Pensade que imos vivir durante once anos (ao menos) con estes efectos que tamén inciden de maneira negativa no benestar animal causándolles estres. No caso das vacas vai ter incidencia sobre o seu rendemento leiteiro, pero tamén sobre os cans e outros animais domésticos que son moi sensibles aos movementos da terra, sen contar por suposto, cos efectos sobre o resto da fauna salvaxe. o Efectos motivados polo po, teremos que acostumarnos a vivir nunha poeira constante que terá efectos negativos na nosa saúde pola perda de calidade do aire que respiramos. Tamén nos obrigará a unha limpeza continua dos espazos que habitamos (casas, rúas, vehículos…). En definitiva, terá repercusións moi negativas sobre a nosa calidade de vida. 3.- A expropiación do monte Para poder expropiarnos o monte é precisa a previa declaración de utilidade pública ou de interese social do proxecto mineiro que ten que facer unha administración pública, neste caso a Xunta de Galicia. Soamente coa declaración de utilidade pública se pode iniciar o proceso de expropiación do monte. Os veciños debemos saber que o monte non vale todo o mesmo. O monte arborado ten un prezo e o que non está arborado ten outro, e se ademais está declarado aos efectos de recibir subvencións derivadas da Política Agraria Comunitaria, outro diferente. No proceso de expropiación, a entidade que expropia (neste caso a empresa) ofertaranos un prezo por metro cadrado que debe ser o que corresponda ao valor do chan e ao da madeira, ou no seu caso, incluso, ao lucro cesante. No caso de que o propietario do monte estea de acordo co prezo ofertado pola empresa, pode asinar a acta de ocupación e cobrar o importe que lle corresponda. Nese intre o monte deixa de ser da súa propiedade para sempre. Non entanto, pode haber propietarios que non estean de acordo co prezo ofertado e nese caso non teñen por que asinar as actas de ocupación. Cando ocorre isto (e mais se hai moitos que non asinan) as empresas deste tipo, soen ofertar un prezo mais alto para evitaren os procesos xudiciais. Se finalmente non se chega a un acordo no prezo, a empresa consigna a súa oferta na Caixa Xeral de Depósitos e os propietarios dos montes poden iniciar o proceso xudicial correspondente. Compre saber que se nos organizamos e nos mantemos unidos podemos obter un maior prezo polo monte e incluso compartir os custes dos procesos xudiciais que no seu caso se iniciasen (avogados, peritos, etc.) 4.- Os residuos Os terreos próximos á explotación, desprovistos da capa vexetal actual, destinaranse ao almacenamento de millóns de metros cúbicos de estériles procedentes dunha primeira criba da actividade extractiva da mina, provocando un depósito de grande volume de quilómetros de extensión. Isto provocará po de grao fino en suspensión no aire que se depositará a quilómetros á redonda sobre o terreo e tamén sobre as concas das augas, co conseguinte aumento de sedimentos e lodos que se arrastran ás desembocaduras dos ríos. Este mesmo destino será o dos metais pesados en caso de accidentes. En ambos casos, as consecuencias negativas tanto para o marisqueo como para a pesca, son evidentes. 5.- A repercusión económica A actividade mineira recibe financiación a partir de subvencións millonarias absolutamente desproporcionadas en comparación ao beneficio real que xera localmente. É habitual a promesa de máis postos de traballo locais dos que verdadeiramente se necesitan, pois a man de obra especializada para o manexo de maquinaria (que realiza o traballo maioritario) non se atopa na zona. Ademais, o produto obtido non se usa como materia prima na industria, salvo nunha pequena proporción, pero por mágoa, na zona non existe este tipo de industria, nin se vai establecer no futuro. Por contra, a actividade mineira sí repercute negativamente nos postos de traballo que existen desde vello noutras actividades como a agricultura, a gandería, a pesca, o marisqueo ou o turismo. Os postos de traballo que crea son escasos en relación á inversión millonaria, inferiores na realidade ao número que a propia empresa e o Concello indican aos periódicos, e aínda por enriba, de curto recorrido, pois unha década é un tempo ínfimo para tan pouco beneficio e tan grande destrución. É fácil de adiviñar que o prezo que pagamos como veciños é máis elevado do que imos percibir: a perda da auga, a perda dos montes para sempre polas expropiacións, a depreciación do noso patrimonio inmobiliario (casas e fincas) que agora xa non valerá moito, pero despois non vale nada por quedar sometido aos danos provocados pola actividade mineira.
FOTO FACEBOOK
|



