O deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende, asinaron o convenio en Camariñas.

Homologación como senda de Gran Percorrido

 

A Deputación provincial da Coruña achega 78.152 euros para que o popular Camiño dos Faros que percorre os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo, se homologue como senda de Gran Percorrido.

 

Era unha das demandas desta activa e voluntariosa asociación que agora ve cumprido este soño:»O convenio significa que un proxecto que naceu hai cinco anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos nove concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro», sinalan desde a Asociación O Camiño dos Faros.

 

Esta tarde no faro vello de Cabo Vilán, en pleno solpor, o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende, asinaron o convenio, mediante o cal a entidade provincial cubre o 80% do orzamento previsto.

 

O deputado carballés Xosé Regueira destacou a fortaleza turística deste camiño e agarda que otras administracións tamén colaboren:” O Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo».

 

Valorización do Camiño dos Faros

 

No proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento.

 

A actividade que financia o proxecto pretende converter a Ruta en Senda de Gran Percorrido (GR), o que mellorará o trazado e seguridade, a difusión mediática e o coñecemento por un maior número de persoas, permitindo unha valorización dun recurso natural do que participan nove concellos da Coruña.

 

No acto tamén estiveron presentes varios membros da Asociación o Camiño dos Faros, e os alcaldes de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, Mazaricos, Juan José Blanco, Ponteceso, Lois García Carballido, Malpica, Eduardo Parga, e Fisterra, José Marcote.