Nota de prensa conxunta dos concellos de Mazaricos, Outes, Santa Comba, Negreira e A Baña

Os alcaldes de Mazaricos, Outes, Santa Comba, Negreira e A Baña veñen de enviar un escrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que solicitan a paralización de “todos os trámites vinculados aos proxectos de instalación dos parques eólicos iniciados durante o Estado de Alarma”.

Do mesmo xeito tamén demandan que se “proceda a modificar o actual marco normativo referido ao sector eólico en Galicia para que atenda aos intereses da poboación rural”. Ao fío disto afirman que “a enerxía eólica pode ser fomentada sen atentar contra os intereses socioeconómicos da contorna onde se produce”.

No escrito os cinco alcaldes subliñan que nos seus concellos a “veciñanza afectada por estes proxectos ten, en xeral, unha idade avanzada” e, ademais, non dispoñen de “acceso a Internet e, polo tanto, tampouco aos expedientes electrónicos do seu interese”. Nesta liña explican que se limitou a “posiblidade dos concellos de xuntarse coas persoas afectadas para explicarlles o estado da tramitación dos expedientes ou calquera tipo de circunstancia derivada”.

Veciñanza preocupada

Nos concellos formulantes desta solicitude repítese a mesma situación: os veciños e veciñas expresan unha “fonda preocupación” polo “elevado número de proxectos eólicos, moitos deles en núcleos habitados”. Os alcaldes tamén poñen de manifesto que a lexislación actual establece unha distancia mínima dos paus cos núcleos “insuficiente, pois só son 500 metros algo que non recolle a realidade poboacional galega”.

Por outra banda din non entender por que hai unha “fragmentación en diversos proxectos de parques que, en realidade, amosan continuidade e comparten infraestruturas”. En base a isto consideran que “deberían ser considerados un único parque”.

Conclúen que “as poboacións rurais están a soportar en exclusiva os custos ambientais da produción de enerxía eólica mentres que os beneficios que permanecen nos territorios son mínimos”.