O bosque de Nagdor
O libro é un canto ás vilas galegas feitas a escala humana.

“O bosque de Nadgor” é o froito de varios escritos todos eles relacionados co desenvolvemento de… calquera concello. A experiencia na que se basea o autor, Farruco Graña, é a súa propia coa súa vila natal, Carballo. Mais outras moitas poderían servir de pretexto para denunciar "a desfeita urbanística produto dos anos de desenvolvemento cego do tardofranquismo e que se estendeu ao longo dos anos da democracia mentres a poboación non soubo dicir “xa está ben” aos seus gobernantes. Ora ben: para adoptar tal actitude hai que tomar conciencia do papel de cada quen como cidadán e abandonar a mentalidade tradicional e paternalista cara ao poder e a vida en xeral", explica o autor.

Iso é, precisamente, o que lle acontece a Nolo, o protagonista. Mentres vive baixo a tutela da súa mai permanece alleo á realidade, vive nun mundo de soños que nada teñen que ver co mundo real. Moita TV, moita tarde de domingo melindrosa, moita parvada… para á fin descubrir que todo é puro engano. Por casualidade atopou na súa bufarda un álbum de fotos do seu avó e uns cadernos cheos de anotacións sobre a historia da súa vila. A través delas foi descubrindo a figura do seu avó, Don Ismael, vello inconformista e galeguista republicano finado cando o Nolo era un rapaciño. Asemade, as súas novas experiencias con Uxío e Elisa nos seus anos de Instituto iríanlle abrindo os ollos. Co tempo, Nolo e a súa compañeira do Bacharelato fóronse namorando. Mais a súa mai non pararía ata arredar á Elisa do seu fillo.

Nun 25 de xullo en Compostela, Nolo foi detido tras unha brutal carga policial. Os acontecementos precipitáronse bruscamente e sentiuse máis só ca nunca. Entrou nunha forte depresión da que lle custaría moito saír. Afastado dos seus, sen ánimo para seguir estudando, Nolo dedicouse a vagar polas rúas da súa vila. Era tal a febre construtora que dominaba a súa vila que, o ver como ían derrubando o pouco que nela aínda quedaba en pé, sumíao máis e máis na desesperación.

“O bosque de Nadgor” é un canto ás vilas galegas feitas a escala humana.

O autor

Farruco Graña naceu na rúa de Verdillo, no popular barrio da Milagrosa, en Carballo, no ano 1966. O máis cativo de catro irmáns, sempre tivo unha curiosidade inmensa.

Establecido en Ribadeo (Lugo), Farruco Graña é profesor de Filosofía no IES Marqués de Casariego, en Tapia (Asturies). Ten presentado traballos en varias edicións da Semana Galega de Filosofía, así como en Cursos de Formación do Profesorado. Actualmente colabora coa prensa local tanto da Mariña de Lugo (El Progreso-A Mariña, La Comarca del Eo) como de Bergantiños (La Voz de Galicia), así como con xornais dixitais (Xornal.com e Vieiros).

A obra está ilustrada por José Santos Vila e a portada da mesma é de Chenchu Martínez.