Image
Este vindeiro xoves celébrase unha sesión ordinaria no concello de Carballo, na que se aprobará un plan de obras con preto de 700.000 euros en investimentos.

O Plan de Obras e Servizos da Deputación provincial debatiráse este xoves nunha sesión que se adianto uns días para poder cumprir cos prazos de presentación das propostas. O alcalde Evencio Ferrero explicou que pese a que nesta anualidade se permiten destinar ata un 50% a gastos correntes, o concello apostará por empregar tódolos fondos a obras.

Entre as actuacións recollidas, o investimento máis elevado destínase ao acondicionamento da Praza de Ramil, en Rus, por 198.390 euros, para facilitar o acceso a peóns e vehículos. Tamén hai que destacar a presenza de tres importantes investimentos para acondicionar a estrada Carballo-Santiago, a CP 1914, ao seu paso polas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces. No primeiro caso continuarase coa dotación de beirarrúas por 181.370,51 euros; na Canosa-Rus tamén se crearán beirarrúas por 160.850,91 euros; por último, na ponte de Entrecruces cubrirase a demanda de acondicionamento da zona por parte dos veciños con 40.376,57 euros.

Por último, o POS recolle 112.769,76 euros para actuar en varios puntos do municipio para crear accesos a vivendas, acondicionar lugares para evitar inundacións e atender varias demandas veciñais. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, quixeron aclarar que, ao contrario que en anos anteriores, o POS non recolle actuacións en saneamentos. O motivo é que está previsto aproveitar os cartos do Fondo Estatal polo Emprego e a Sustentabilidade (FEES) de 2010 para destinalos, case integramente, á mellora de saneamentos nas parroquias do Concello. En todo caso, o Plan Complementario do POS inclúe a creación dunha traída de auga e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns, por 65.817,17 euros.

Outros asuntos que se debatirán son adepuración de parcelas no polígono de Bértoa para poder obter os terreos necesarios para crear unha nova subestación eléctrica no parque empresarial. E  a aprobación dunha iniciativa veciñal da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, recollido no Regulamento de Participación Cidadá. O obxectivo é adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e valorada en 80.000 euros e ampliar o espazo público do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o financiamento da adquisición repártese a partes iguais entre o Concello e a Asociación, con 40.000 euros cada parte. Os veciños teñen un tempo para conseguir recadar o importe, con achegas veciñais dun mínimo de 50 euros. Una vez adquirida a parcela, o Concello asume a elaboración do proxecto de remodelación, para o que xa hai un pequeno borrador. Así mesmo, abordarase a concesión das bolsas de estudo 2009-10 por 17.724 euros.