O PSOE pide que se fagan as comprobacións necesarias para evitar as situacións inxustas do saneamento no rural.

 
Está claro que hai descontento entre a veciñanza de Carballo pola aplicación das taxas do saneamento no núcleo rural e formacións como o Partido Popular ou Compromiso por Galicia xa expresaron o seu malestar.
Nesta ocasión, o portavoz do PSOE en Carballo, José Antonio Viña era un dos convidados no programa “Na Encrucillada”, que se referiu a esta problemática manifestando que “a ordenanza pode servir pero hai que aplica-la con moitísimo coidado”.
 
Se o PP rexeitaba a ordenanza, para Viña Patiño “o problema ten que ver máis ben coa confección do padrón fiscal”, que se fixo “dun xeito teórico” e agora necesita “comprobacións” para evitar unha situación creada que Viña considera “inxusta”.
 
Na súa intervención radiofónica, Viña Patiño tamén expresou a súa preocupación polo carácter “bastante plano” da xestión do goberno municipal. Para o PSOE o goberno de Evencio Ferrero “fai moi poucas cousas” e só se adica “a seguir a tradición de administrar ben”.
“Carballo necesita un impulso” apuntou José Antonio Viña “porque esta tranquilidade política non é boa”. O voceiro socialista lembrou que está rematando o seu ciclo na primeira liña política.
 
 
 
ESCOITA A ENTREVISTA CON VIÑA PATIÑO