Manoli Rodríguez lidera a formación no concello de Coristanco.

 

Compromiso por Galicia xa conta cunha agrupación local  no concello de Coristanco. E aínda que a presentación oficial será o vindeiro sábado 14 de decembro, o partido xa conta cun equipo operativo neste municipio.

 

O secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas e o coordinador comarcal, Xesús Deus Gende mantiveron unha xuntanza para  pecha-la constitución deste novo partido político no verxel de Bergantiños.A secretaria local é Manoli Rodríguez Pereiro. No grupo fundacional da agrupación coristanquesa tamén figura o exconcelleiro nacionalista Xosé Manuel Vázquez Vázquez.

 

O secretario comarcal de Compromiso por Galicia na bisbarra de Bergantiños e líder da agrupación carballesa,Xesús Deus Gende confirmou que a formación galeguista ten contactos avanzados en varios concellos que derivarán na creación de novas agrupación en datas non moi lonxanas.

 

“Cada palabra, cada paso, cada esforzo, paga a pena. Compromiso por Galicia segue medrando. Desde hoxe contamos cunha nova Agrupación local. A de Coristanco. A compañeira Manoli Rodríguez Pereiro é a súa Secretaria local.Avanzamos” escribía nas redes sociais, Xoán Bascuas despois do acto de constitución celebrado en Coristanco.