fiotcarballo

Volve «Dálle un bocado ao FIOT» con tapas e almorzos en catorce tascas, bares e cafetarías da vila os días de función

Volve "Dálle un bocado ao FIOT" con tapas e almorzos en catorce tascas, bares e cafetarías da vila os días de función

09/10/2015 O FIOT muda en arte, en risos, en imaxes, en cafés, en público e agora, un ano máis, tamén en comida cunha nova edición de «Dálle un bocado ao FIOT». Catorce locais hostaleiros da capital municipal participan nesta ruta gastronómica que se inaugura o venres 9 de outubro coincidindo co primeiro espectáculo de sala do Festival Internacional Outono de Teatro, a cargo de Chirigóticas e titulado «Juanita calamidad». Catorce bares, tascas e cafetarías propoñen tapas ou almorzos a 2 e 3 euros, respectivamente, os días 9, 11, 16, 17, 18, 23, 24, 30 e 31 de outubro, coincidindo con todas as funcións de sala. Con nomes tan suxerentes como «Otelo», «Calderón de la Barca», «Fiotiño de mar», «Sonata de otoño» ou «Milhojas para Julieta», os locais participantes crean unha proposta gastronómica para o festival, co obxectivo, sinala o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, de que a celebración do festival teña unha repercusión clara nos locais de hostalería de Carballo. Como o ano pasado, todos os clientes que se animen a probar os «bocados» recibirán unha rifa e participarán no sorteo dun premio que consiste en dúas entradas para un espectáculo da próxima edición do FIOT, con aloxamento na vila a noite do espectáculo. Regueira aproveitou para facer público o nome do gañador da edición do ano pasado, Manuel Rial Santos, a quen lle transmitiu os seus parabéns. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que esta iniciativa converte a Carballo de novo «nun punto de encontro e de atracción para moitas persoas».

Hai que resaltar, ademais, que por segundo ano consecutivo haberá pequenas intervencións teatrais nos locais participantes relacionadas coa temática do FIOT de novos actores e actrices carballeses, dirixidos pola intérprete Alba Bermúdez. Os establecementos que forman parte da ruta, e que, subliña Maite Parga, Técnica de Turismo, manifestaron en todo momento a súa vontade de participar, son os seguintes:

  • A Barra Bar: «Oe, oe, oe» (tapa)
  • Bodegón O Pescador: «Entre dous mundos» (tapa)
  • Café Colón: «Calderón de la barca» (almorzo)
  • Cafetaría Pazo da Cultura: «Chapito» (tapa)
  • Cafetería Abastos: «Otelo» (tapa)
  • Cafetería de Maná: «Jamón del diablo» (almorzo)
  • Cafetería Valle Inclán: «Sonata de otoño» (almorzo)
  • Cervexería A Bombonera: «Fiotiño de mar» (tapa)
  • Cervexería Ágora: «Milhojas para Julieta» (tapa)
  • Mesón A Cabaña: «Abanico de colores» (tapa)
  • Restaurante Oasis: «Ratatouille» (tapa)
  • Tasca A Cova: «Amina» (tapa)
  • Tomasa Taller de Repostería: «Un soñador para un pueblo» (almorzo)
  • Vinoteca Ánfora: «Noite de ruada» (tapa)