A Laracha, Arteixo e Carballo analizan estratexias conxuntas

Por o 10 abril, 2018

Os alcaldes José Manuel López Varela, Carlos Calvelo e Evencio Ferrero reuníronseno Concello da Laracha.

 

Os alcaldes dos Concellos da Laracha –José Manuel López Varela-, Arteixo –Carlos Calvelo- e Carballo –Evencio Ferrero- mantiveron hoxe na sala de xuntas da Laracha unha reunión de traballo na que analizaron diferentes cuestións que afectan aos tres municipios e para as que os rexedores consideran que se deben adoptar estratexias conxuntas co propósito de favorecer o seu desenvolvemento.

 

O alcalde anfitrión, José Manuel López Varela, avanzou que o “tema industrial” foi a cuestión principal das que se trataron na xuntanza, dado que o eixo A Laracha-Arteixo-Carballo é actualmente “a cabeza tractora da industria na provincia da Coruña polo que xa está implantado nos parques empresariais e polas novas iniciativas que están chegando”. Considera que para sacar o máximo partido ás posibilidades que ofrece na xeración de emprego e no desenvolvemento económico e social, os tres Concellos deben traballar xuntos no estudo, análise, potenciación e busca de solucións en tres piares esenciais: a industria, a loxística e a formación.

 

Carlos Calvelo referiuse ao porto exterior de Punta Langosteira como o principal nexo de unión. O alcalde de Arteixo incidiu na necesidade da “creación dunha área loxística” que vincule aos tres municipios e que sexa unha oportunidade para dar resposta ás necesidades que presentará a curto prazo a citada infraestrutura de recente creación.

 

 

Evencio Ferrero incidiu na “importancia de compartir estratexias de futuro e ter unha visión conxunta do territorio”. Dado que nesta zona “se está a articular unha masa importante de desenvolvemento empresarial”, agarda que “outras administracións tamén compartan que o solo industrial é estratéxico e que os investimentos teñen un retorno”. O rexedor carballés concluíu afirmando que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo debe ser “o espazo loxístico do futuro” porque “os grandes investimentos públicos do porto exterior precisarán de grandes infraestruturas”.

 

Outra das cuestións tratadas na xuntanza foi a posible integración da Laracha e de Carballo na área metropolitana da Coruña. Para López Varela sería beneficiosa para a mobilidade de persoas e mercadorías e tamén pola suma de cidadáns que se aportaría ao conxunto de municipios que bordean a cidade da Coruña. Carlos Calvelo foi tallante afirmando que “Arteixo non estará nunha área metropolitana sen A Laracha e Carballo porque é clarísimo o seu potencial industrial”.

 

Os tres rexedores coincidiron en valorar de xeito moi positivo esta reunión, que “será a primeira de moitas”, e en destacar a sensibilidade coa que se analizaron os temas a tratar e o compromiso de traballar xuntos para atopar a mellor solución ás demandas e necesidades que se presenten, xa que por encima de todo está o benestar dos veciños.

 

Fonte- Nota de prensa concellos

Comentarios

Comentarios

Debes estar registrado para comentar Login

Aviso de Cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en el siguiente enlace: Más Información