O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que “abandone o sectarismo” para apoiar ao Concello de Malpica, sinaladamente na mellora da seguridade do Porto e no mantemento dos servizos públicos. O responsable socialista trasladouse hoxe ata esta localidade da comarca de Bergantiños, onde mantivo un encontro co seu alcalde, o socialista Walter Pardo, e membros da Corporación municipal.

O responsable socialista lembroulle ao goberno galego que aínda non cumpriu co acordo parlamentario do pasado mes de febreiro, logo do accidente mortal que tivo lugar en decembro, para mellorar a seguridade no Porto, levar a cabo a dragaxe da dársena, mellorar a iluminación e alargar o espigón e o dique de abrigo.

Ademais, reclamoulle ao goberno galego “colaboración” e “unha actitude máis xenerosa” para apoiar aos concellos pequenos na prestación de servizos públicos, fundamentais para paliar a perda de poboación. Lembrou que “moitos concellos conseguiron xa que os gastos correspondentes aos centros sociais e educativos foran asumidos polo goberno galego”.

Leiceaga explicou que a visita ao Concello Malpica está enmarcada dentro da rolda de encontros cos novos alcaldes socialistas e trasladar ao Parlamento de Galicia as necesidades destes concellos co obxectivo de “romper coa inercia e a parálise” amosada polo goberno galego. Os encontros comezaron a semana en A Cañiza e continuarán en breve, dixo, en Cee, Carnota ou Boiro.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, instou á colaboración do goberno galego para atender ás necesidades básicas do Concello, como é a mellora da seguridade portuaria, o impulso ao parque empresarial ou o apoio ao sector pesqueiro. Explicou que o proxecto socialista para o concello pasa tamén pola mellora do saneamento das parroquias, acadar un novo Centro de Día ou o impulso do turismo, sinaladamente coa homologación de seguridade necesaria no Camiño dos Faros.

Fonte- Nota de prensa do PSOE