A partir deste venres 4 de decembro entrarán as novas medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e acordadas polo comité clínico.

As principais novidades son que se permitirá a interacción social entre persoas non conviventes, aínda que en diferente número -máximo de 4 ou de 6- dependendo da situación en cada zona; e abrirase a hostalería, tamén gradualmente e con limitacións segundo os indicadores.

En relación á mobilidade cara a fóra, anunciou que se pedirá á Delegación do Goberno que se restrinxa a mobilidade con Portugal durante a ponte o que poderá conlevar, se fose necesario, establecer o peche perimetral da Comunidade. No tocante á mobilidade interna, o criterio seguirá como ata agora: nas zonas con máximas restricións, debuxarase un perímetro do que non se poderá entrar ou saír agás por razóns xustificadas; e, nos ámbitos restantes, haberá liberdade de movementos.

Sobre o nivel de máxima restrición (para aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes con incidencia acumulada a 14 días igual ou maior de 250), salientou que a hostalería poderá abrir só terrazas ao 50 %, ata as 17 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non.Neste nivel están os concellos de Carballo e A Laracha.

No nivel de restrición medio-alto (para os concellos de máis de 10.000 habitantes, que teñan unha incidencia aproximada de entre 150 e 250 a 14 días e para os de menos de 10.000 habitantes cunha incidencia de máis de 250 a 14 días), a apertura da hostalería realizarase cun 30% de aforo no interior e un 50% no exterior, ata as 17 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non conviventes.

Nesta situación atópanse, dentro da nosa comarca Coristanco, Cabana, Malpica, Ponteceso, Cee, Dumbría, Muxía e Vimianzo.

No nivel de restrición media -cando a incidencia a 14 días estea entre 100 e 150 nos concellos de máis de 10.000 habitantes, e entre 150 e 250 nos de menos de 10.000- a apertura da hostalería farase cun 40% de aforo no interior e 50% no exterior, ata as 23 horas e cunha agrupación máxima de 6 persoas conviventes ou non. Está nesta situación o concello de Laxe.

Consultar a incidencia coronavirus Costa da Morte

Por último, no nivel de restrición básica -cando a incidencia estea por debaixo dos 100 en concellos de máis de 10.000 habitantes e dos 150 nos concellos de menos de 10.000- o criterio de apertura da hostalería será de 50% de aforo no interior e 75% no exterior, ata as 23 horas, e cun máximo de 6 persoas conviventes ou non. Nesta situación entran o resto de concellos da bisbarra.

Feijóo concluíu incidindo en que os pasos adiante que se dan nas distintas zonas non se interpreten como un síntoma de relaxación: “Non hai razón para confiarnos, porque segue habendo contaxios e porque canto máis nos abrimos máis risco hai. E por iso pido máis responsabilidade que nunca”, dixo, incidindo en que a Xunta seguirá incrementando ao máximo a capacidade de rastrexo; aplicando as restricións que haxa que aplicar en cada lugar e en cada momento.