Todos os grupos políticos da corporación carballesa votaron a favor do POS+2021, que conta cun marco orzamentario de 1.413.303,15 euros. A metade desa partida destinarase a gasto corrente.

E o resto do plan servirá para sufragar unha única actuación:o abastecemento de auga dende o Igrexario de Lema ata Pedra do Sal, completando deste xeito a canalización principal da costa. Este proxecto acada os 687.472,26 euros, dos que o Concello de Carballo terá que achegar 60.530,93.

O Plan adicional servirá para sufragar gastos do Servizo de Axuda no Fogar.O Concello de Carballo destina ao SAF unha cantidade anual de 1.339.318,86 euros. A Xunta de Galicia achega 851.274,79 euros, e agora a Deputación financiará 384.932,35 euros, o que permite reducir a contía que debe poñer o Concello de Carballo a 103.111,72 euros.

Quedou sobre a mesa unha moción presentada polo Partido Popular na que se demandaba a creación dun fondo de axuda para a hostalaría, a expensar dos acordos que están tratando de acadar Xunta e Deputación.

Con respecto as propostas para o Plan Complementario son as seguintes:

Melloras na rede de abastecemento de auga de distintas rúas da zona urbana, co obxectivo de aumentar a eficiencia do servizo, evitar fugas e seguir eliminando tubaxes de fibrocemento: 169.192,22 euros.

Conexión dos depósitos das dúas captacións de auga no Bardoso e no Anllóns para que, no caso de que se produza algunha incidencia, poidan separarse as redes e funcionar independentemente: 145.158,91 euros.

Redes de saneamento e abastecemento a Vila de Uz (Oza): 230.194,51 euros.

Conservación de vías nos Vilares (Sísamo): 232.168,15 euros.