Novas

Moción de censura en Coristanco

Por o 8 agosto, 2017

Seis concelleiros do Partido Popular e un do PSOE únense para desbancar ao alcalde Amancio Lavandeira.

 

“Unha situación insostible”

 

Os rumores viñan de vello pero era difícil de prever unha alianza entre populares e socialistas ante o panorama actual. Pero finalmente os seis concelleiros do PP apoian unha moción de censura para entregar o bastón de mando ao socialista Abraham Gerpe, que nesta lexislatura formou parte dun goberno tripartito con Terra Galega e BNG.

 

 

Os sete promotores da moción aseguran que a situación de enfrontamento entre goberno e oposición “tense convertido en algo insostible” e culpan ao alcalde, Amancio Lavandeira, de responder “con desprezo e soberbia” ás iniciativas dos demais grupos entre elas a proposta de baixada de impostos ou a petición de que se confeccionasen os orzamentos.

 

 

Desde a dirección provincial do Partido Popular aseguran que descoñecen  “os termos da moción de censura” e están á espera de coñecer os detalles da mesma para poder pronunciarse ao respecto e trasladar se autorizan ou non a medida adoptada polos seus seis concelleiros.

 

 

Amancio Lavandeira:”Agora veñen como salvadores”

 

 

Pola súa parte, o alcalde de Coristanco Amancio Lavandeira non entende a moción de censura presentada polos concelleiros do Partido Popular e do PSOE xa que pensa que é “un pacto antinatura moi sorprendente que deberán explicar”, máis despois do novo liderado que representa Pedro Sánchez no Partido Socialista.

 

Lavandeira non se sinte moi sorprendido “porque rumores sempre houbo e estaban no intento” pero non encontra razóns que sustenten a iniciativa, e menos despois de presentar os datos da xestión económica:”A xestión está aí. Agora que están as contas saneadas e fixemos o traballo, veñen como salvadores”.

 

 

Comentarios

Comentarios