O Consello da Xunta vén de declarar ben de interese cultural (BIC) o Arquivo Fotográfico Vidal, situado no Museo do Mar de Laxe (A Coruña), a raíz do informe realizado pola Consellería de Cultura e Turismo que dá conta da relevancia histórica, artística e documental deste fondo. O decreto implica a súa máxima salvagarda e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Neste sentido, permitirase o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración autonómica para a realización dos informes necesarios para a súa conservación; e establecerase un réxime de visita para o público de, polo menos, catro días ao mes.

Este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo respectivamente, desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social ou a moda desta zona da Costa da Morte. Integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías.

Sobresae a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social ou da historia da arte. Protección do patrimonio Galicia conta cun rico patrimonio cultural constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. As políticas impulsadas desde o Goberno autonómico están a permitir que nos últimos anos este patrimonio sobranceiro manteña un bo nivel de salvagarda.

Fonte-Nota de prensa Xunta de Galicia