Dous homes perderon a vida despois de sufrir un accidente co seu vehículo e caer ao mar na zona do peirao de Malpica de Bergantiños, A Coruña. O suceso tivo lugar ás 00:30 horas desta madrugada nas proximidades da lonxa e pese aos esforzos dos equipos de emerxencia desprazados ata o lugar, nada se puido facer por salvarlles a vida.

De acordo coa información facilitada ao 112 Galicia polos efectivos de rescate, todo indica a que tratouse dun descoido, xa que o vehículo circulaba en sentido oposto e rematou somerxido a uns sete metros de profundidade.

Foron as chamadas de diversos particulares que puxeron en alerta aos xestores do 112. Segundo o relato das testemuñas do accidente, un turismo precipitarase ao mar e cabía a posibilidade de que estivera ocupado.

De inmediato, púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballo, dos membros do GES de Ponteceso, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, un mergullador do concello efectuou o rescate dos ocupantes do vehículo, pero, desafortunadamente, ambos os dous resultaron falecidos.

Cómpre sinalar que os equipos de emerxencia traballaron para garantir as condicións de seguridade necesarias para efectuar a recuperación do turismo afundido e, posteriormente, realizaron a limpeza e recuperación dos danos causados na zona a causa do accidente.

Ademais, desde o 112 Galicia tamén se puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo.

Fonte-AXEGA 112- FOTO-CRTVG