Os nacionalistas de Cee defenderán unha moción sobre o mercado no pleno deste vindeiro venres.

 

O Bloque Nacionalista Galego de Cee traslada as queixas de usuarios e comerciantes con respecto á situación do mercado municipal de Cee. Hai críticas sobre as tarefas de limpeza da empresa encargada, o deterioro do edificio con goteiras no tellado, a inoperancia da zona azul que segundo o BNG “quedou nun acto propagandístico” ou polo peche da cafetería.

 

O voceiro do BNG, Serxio Domínguez Louro, defenderá unha moción na que se inclúen as seguintes propostas.

 

1.- Estudar a posibilidade da modificación das bases de uso dos locais , tanto no que se refire aos prezos, case que inalcanzables neste momento para calquera emprendedor, como no que ten a ver coa finalidade especifica de cada posto.

É preciso unha actualización para poder competir cos locais do exterior.

 

2.- Adecuar a limpeza do mercado de modo que sexa á axeitada a unha infraestrutura desas características.

 

3.- Facer cumprir a normativa da zona azul, primeiro cunha campaña informativa e educativa temporal, e pasando despois a aplicala con tódalas consecuencias.

 

4.- Revisar de inmediato a cuberta do edificio para dar solución ao problema de humidade e goteiras nel.

 

5.- Apurar ao máximo os prazos para poder abrir a cafetería canto antes, a súa apertura incentivará, sen dúbida algunha, as vendas nos postos.

 

6.- Estudar a posibilidade de abrir unha nova cafetería na parte de abaixo da actual, unha zona que esta claramente infrautilizada. Esa zona do edificio podería ter acceso dende o exterior sen necesidade de ter as portas principais abertas, que con toda a seguridade, faría máis rendible a concesión.