A Deputación destina 200.000 euros para a reordenación do mercado de Fisterra

Por o 8 junio, 2018

O edificio contará na súa planta baixa cun mercado mariñeiro e na alta cun mercado cultural que inclúe un auditorio de 198 prazas.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros procedentes de superávit de operación non financieiras do exercicio 2017 (8.363.150, 78 euros) e de remanente de tesourería (3.127.918, 77 euros).Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financieiramente sustentables nos concellos da provincia

 

Entre estes investimentos inclúese unha subvención nominativa de 202.780 euros para a reordenación do mercado de Fisterra coma ‘Mercado mariñeiro e cultural’. Esta achega supón un financiamento do 80% dos gastos totais da obras que ascenden a 253.475 euros.

 

Mediante esta subvención, a Deputación contribúe a cubrir a necesidade de que Fisterra conte cunhas instalación modernizadas e o suficientemente dotadas para favorecer a participación e implicación da súa veciñanza e os seus visitantes en todo tipo de promoción de actividades culturais e de expresión artística, foros ou debates.

 

Na actualidade, o edificio pasa por un momento de decadencia debido ao desuso da maioría dos postos de venta. A proposta de reforma inclúe a modernización e reordenación dos espazos, pero sen perder o seu propósito de orixe: un importante mercado de peixes e mariscos que plasmaban á perfección o tipismo e tradición desta vila mariñeira.

 

Entre as actuacións a realizar dotarase ao edificio dunha nova visión e potenciación dos usos que se viñan facendo, reorganizando espazos, establecendo novas propostas para a venta ao público e dotando coa equipación necesaria os novos espazos co obxectivo de que permitan establecer unha sinerxía entre a dinamización cultural e artística e a tradición dun mercado mariñeiro.

 

Deste xeito, agárdase converter este edificio nun referente coma ‘Mercado mariñeiro e cultural’ que resulte atractivo e de reclamo para as miles de persoas que visitan anualmente Fisterra.

 

Mercado mariñeiro na planta baixa e cultural na alta

 

 

Un dos principais obxectivos pasa pola mellora funcional do edificio, constituíndo na súa planta baixa un ‘Mercado mariñeiro’, orientado á comercialización fundamentalmente de produtos alimentarios locais, especialmente produtos do mar, para o que se habilitarán oito postos de venda, un dos cales estará orientado á actividade hostaleira e gastronómica para a preparación e degustación de produtos típicos do mar de Fisterra.

 

Neste sentido, reordenarase o espazo interior e melloraranse os accesos, substituíndo as actuais entradas con portas acristaladas con perfilaría de aluminio por portas automáticas que cumpran coa normativa de accesibilidade. Tamén se substituirá un corpo de fiestras situadas na fachada este da planta baixa do edificio e modificarase a fachada principal para facilitar a apertura das portas automáticas e dar mellor iluminación ao posto de actividade hostaleira.

 

Para rematar con esta planta, está previsto a renovación de todas as instalacións e os servizos, adaptándoo aos requisitos máis actuais e incluíndo unha instalación de climatización.

 

No referente á planta alta, constituirase un ‘Mercado cultural’, cun auditorio de 198 prazas e dotarase cun bloque de aseos e un espazo para local de ensaios musicais, debidamente acondicionado, e unha sala de xuntas e reunións. Para a creación destes novos espazos está previsto reformar a cuberta do edificio para lograr maior altura.Por último, o resto do espazo baixo cuberta habilitarase como almacén para os equipamentos e materiais culturais do Concello. Este espazo iluminarase mediante a instalación de fiestras de cuberta.

 

FONTE-Deputación da Coruña

Comentarios

Comentarios

Debes estar registrado para comentar Login