Se esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, criticaba en Radio Xallas, a xestión de goberno coa Lei de Cambio Climático, nunha visita aos concellos de Cee e Muxía era o presidente provincial do PP e candidato Diego Calvo era o que lanzaba dardos contra o PSOE pola súa “clara mala fe” .


“Temos que ser conscientes do que suporía para esta zona o hipotético peche desta factoría, que da emprego a centos de persoas” declaraba Calvo na súa estadía na piscifactoría Tres Mares de Lires(Cee).
Incidía o representante popular na intención de limitar o prazo máximo da duración das concesións de empresas ou a revisión dos requisitos para outorgar a concesión cando se teña que decidir sobre a prórroga, así como a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar.

“A reactivación destes cambios tan prexudiciais para Galicia e para a Costa da Morte en particular fíxose de xeito pouco ético, en pleno estado de alarma, e dun xeito tamén pouco claro, a través dunha norma que non é de Costas”, aseverou o popular.


Diego Calvo estivo acompañado pola portavoz en Muxía e candidata nestas eleccións, Sandra Vilela e polo portavoz popular de Cee, Antonio Domínguez.


Tamén aproveitou para visitar o Parador de Turismo de Muxía que hoxe abría as súas portas: “Levamos anos agardando polo cumprimento dunha promesa feita polo goberno de José María Aznar, paralizada por Rodríguez Zapatero e reactivada novamente grazas ás xestións de Alberto Núñez Feijóo e á dotación orzamentaria do Goberno de Mariano Rajoy”.