Para o cabeza de lista dos socialistas pola provincia coruñesa que o Faro de Fisterra leve pechado cinco anos «exemplifica a falta de xestión e de aposta polo patrimonio material e inmaterial de Galicia do PP”.
Pablo Arangüena responsabilizou a Feijóo, ao presidente da Autoridade Portuaria da Coruña da situación. E tamén a Turismo da Xunta por rexeitar “a proposta do goberno local de instalar un centro de interpretación da Costa da Morte no Faro”.

«Unha vez máis, o PP prima a explotación elitista do patrimonio común en vez do seu uso público e pedagóxico», engadiu.

O candidato comprometeuse a impulsar o centro de interpretación para que os milleiros de visitantes que chegan podan entender o significado e dimensión dun lugar tan especial como Fisterra nun escenario tan destacado coma a Costa da Morte.

Criticou ademais o abandono da zona portuaria por parte de Portos de Galicia e adquiriu o compromiso de analizar a posibilidade de construír un contradique que facilite o resgardo no peirao fisterrán.
Na visita de Pablo Arangüena a Fisterra tamén estiveron membros da candidatura como Begoña Rodríguez e os alcaldes de Fisterra e Carnota.