A conselleira socialista María José Caride visitu no primeiro día do mes de agosto o concello de Camariñas, para revisar as obras que a conselleria de Política Territorial da Xunta de Galicia están desenvolvendo en Camariñas e Camelle.

NOTA DE PRENSA DA CONSELLERIA DE POLITICA TERRITORIAL
 
A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, visitou hoxe as obras que está a acometer Portos de Galicia nas instalacións portuarias de Camariñas e Camelle. Segundo salientou a conselleira, os investimentos de 6,5 millóns de euros que está a realizar o ente público, dependente da CPTOPT, permitirán que ambas poboacións vexan notablemente melloradas as prestacións das súas instalacións portuarias así como a súa imaxe e integración urbana.

En Camariñas, Portos de Galicia está a acometer a segunda fase do acondicionamento do borde litoral da vila, que xunto coa primeira fase xa realizada supón un investimento de 3 millóns de euros. Esta segunda actuación abrangue a franxa central da fronte marítima do porto e inclúe a remodelación das rúas e zonas adxacentes á zona portuaria, que serán ampliadas para mellorar a seguridade viaria dos peóns e lograr un ancho axeitado ao tráfico existente. A obra tamén inclúe a instalación dunha pasarela peonil no espigón-dique do porto primitivo que permitirá cruzar por riba da antiga dársena pesqueira. Paralelamente a estas obras, renovaranse os servizos básicos e infraestruturas (alumeado, electricidade, auga, rego, instalacións contra incendios,…), implantaranse novas áreas de aparcamento en superficie e pasos de peóns e construirase unha nova rotonda para facilitar as manobras. A actuación complétase cun paseo peonil arborado paralelo á calzada e beirarrúas máis anchas.

Estas obras de acondicionamento do borde litoral serán complementadas con actuacións de urbanización da zona pesqueira e coa terceira fase da remodelación do borde marítimo, actuacións que permitirán completar a renovación de toda a fachada litoral urbana da vila.

Durante a súa visita a Camariñas, a conselleira presidiu a sinatura dun protocolo de colaboración entre o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, e o alcalde, Manuel Alonso de León, para establecer as condicións das novas obras e do mantemento futuro e uso das mesmas.

A obra que se está a realizar, xunto cos traballos xa rematados da primeira fase e as novas actuacións que se van acometer contribuirán a mellorar os valores medioambientais e paisaxísticos da zona e aglutinar espazos descontinuos na trama urbana portuaria, facilitando así a conexión entre o porto e a vila e permitindo que os terreos que son de dominio público portuario poidan ser utilizados como un espazo urbano máis pola cidadanía de Camariñas que redundará na súa calidade de vida.

En Camelle, o ente público está a acometer obras de prolongación e reparación do dique de abrigo. Por unha banda, a extensión do actual dique ten un orzamento de 2,8 millóns de euros e permitirá acadar unha zona de atraque máis segura e protexida. A prolongación do dique minimizará das ondas sobre a zona de abrigo, evitando que as embarcacións teñan que ser retiradas a terra en días de temporal.

A extensión do dique que acomete Portos de Galicia terá unha lonxitude de 85 metros, nunha soa aliñación, engadidos aos 300 metros actuais. O dique estará protexido no seu costado exterior por unha escollera de bloques de formigón que oscilan entre 20, 55 e 80 toneladas de peso. No dique construirase tamén unha torreta na que se instalará a baliza de sinalización marítima.

Ademais, Portos de Galicia está a efectuar reparacións no actual dique, que resultou danado polos temporais de 2008, cun investimento de 700.000 euros. As obras consisten no reforzo do ancho do dique coa instalación de bloques de protección de 20 e 55 toneladas.