Image

A Xunta de Galicia deberá realizar antes do remate deste ano un estudo de catalogación da obra de Manfred, O Alemán de Camelle,  de cara a protección do seu legado, segundo o acordo parlamentario de PP, PSOE e BNG.

O Parlamento de Galicia acordou instar a Xunta de Galicia  para que realice un estudo, nun prazo de seis meses, de catalogación da obra de Man, anacoreta de Camelle, e que analice a posibilidade de que este espazo creativo sexa declarado coma Ben de Interese Cultural.

As intencións da Xunta de Galicia xa foron adiantadas por Anosacosta coas palabras da deputada  socialista Marisol Soneira que expresaba o interese do conselleiro de Cultura. Roberto Varela na protección da obra de Man. Máis tarde o Conselleiro ratificaría o seu interese ante o portavoz do PP de Camariñas, Daniel Rego.

Image

Agora o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposta do PSOE neste sentido, e que foi defendida pola deputada Concepción Burgo, que destacou a potencialidade turística desta obra. Desde o BNG, Ana Pontón reclamou que se teña en conta as institucións e colectivos que levan traballando na recuperación do legado de Manfred.  A parlamentaria carnotana do Partido Popular, Marisol Piñeiro, asegurou que antes de acometer a declaración de Ben de Interese Cultural débese facer un estudio pormenorizado e considera que este traballo debe ter carácter inmediato. Será antes de que remate este 2009.