O PP de Zas pídelle ao alcalde que cumpra a lei

Por o 11 enero, 2017

David Gómez insta ao alcalde a que “cumpra a lei” e remita a información requirida polo Valedor do Pobo sobre os contratos municipais.

 

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, instou hoxe o alcalde, Manuel Muíño, a que “cumpra a lei” e remita a información requirida polo Valedor do Pobo sobre os contratos do servizo de axuda no fogar, a recollida de lixo e o servizo de limpeza dos diferentes edificios municipais.

 

Os populares lembráronlle ao señor Muíño que, como rexedor de Zas, ten a obriga de presentar esta documentación, despois de que o Valedor do Pobo a requirira tras a petición do Partido Popular o pasado novembro.

Unha vez máis, o talante democrático do alcalde e a transparencia na xestión do Concello de Zas brillan pola súa ausencia”, denunciou Goméz, quen subliñou que Muíño ten xa unha carta do Valedor do Pobo na que lle urxe, pasados os quince días de prazo, a enviar toda a documentación que posúa sobre estes contratos.

Para o portavoz popular, que o alcalde non cumpra coas súas obrigas é un “exemplo máis” da forma de facer política que se instaurou desde hai anos no Concello de Zas. “O alcalde cre que pode facer e desfacer as cousas sen dar explicacións a ninguén, pero nós non llo imos consentir”, afirmou Gómez.

Escurantismo na xestión

Desde o Partido Popular explicaron que se viron “obrigados” a acudir ao Valedor do Pobo despois de que o rexedor, Manuel Muíño, se negase a ofrecer aos populares calquera información respecto destes contratos.O pasado 3 de xuño David Gómez presentou no rexistro municipal do Concello de Zas varios escritos dirixidos ao alcalde e á secretaria do municipio. Ante a falta de información, o 9 de agosto volveu presentar, esta vez ante o alcalde, a secretaria e a interventora, os escritos nos que solicita coñecer o estado no que se atopa a contratación destes servizos.

Ante a ausencia total de contestación por parte de todas estas persoas, tivemos que recorrer ao Valedor do Pobo”, indicou Gómez, quen “sospeita” que tanto “escurantismo e falta de transparencia fai pensar que non se seguiron os canles de contratación pertinentes”.

Sen información pública

Canto aos contratos, o portavoz dos populares explicou que, no caso da recollida de lixo, no perfil do contratista do concello só figura, con data do 6 de maio de 2011, a publicación da licitación do prego de cláusulas administrativas particulares que rexerán a contratación mediante procedemento aberto e tramitación urxente do servizo de lixos.

Con todo, o popular explica que, días máis tarde, concretamente o 13 de maio, o goberno local publica que se desestima este procedemento de contratación por apreciar no prego erros no relativo ao IVE e á subrogación do persoal.

É sospeitoso que non exista publicación algunha sobre a prestación deste servizo, e tamén chama a atención que a empresa que o presta posteriormente estea relacionada coa anterior, pois comparten o mesmo domicilio social”, denuncia Goméz.

No que fai referencia ao contrato de axuda no fogar, o portavoz popular asegura que non consta ningún tipo de publicación que faga referencia á licitación do devandito contrato. “Podemos saber, con todo, o nome da empresa que está a prestar este servizo porque así o recoñece na súa páxina web”, apuntou o portavoz.

Por outra banda, Goméz fixo fincapé tamén en que non hai ningunha documentación referida aos contratos para a limpeza dos edificios municipais, salvo dúas contratacións do 2009 que afectan á adxudicación provisional do servizo de limpeza, mantemento e vixilancia do pavillón polideportivo cuberto de Zas; e outro que afecta á adxudicación provisional da limpeza dos colexios públicos Labarta Pose de Baio e don Álvaro Antelo Teijeira.

Sorprendeunos que, con data de setembro de 2016, o Concello licitase un contrato de limpeza dos edificios municipais, pero que non afecta a todos os inmobles”, indicou Gómez.

Ante a falta de información, desde o Partido Popular de Zas descoñecen se algún dos tres contratos foi tramitado pola vía dos contratos menores, pero entenden que, polo menos o da recollida de lixo e o de axuda no fogar, dada a súa contía, resulta “complicado” adxudicalo desta maneira.

Ante a inexistencia de publicacións de licitación sobre a contratación dos servizos, non se pode comprobar o Concello de Zas seguise as canles legais que rexen a contratación de servizos”, afirmou Gómez, quen lamenta que o señor Muíño “non dea a cara” para ofrecer as explicacións que se merecen os veciños.

Fonte-Nota de prensa do Partido Popular de Zas

Comentarios

Comentarios

Debes estar registrado para comentar Login