O Concello de Vimianzo organiza un simposio desde este sábado en donde anuncian que «por primeira vez a historia do castelo de Vimianzo será contada por diversos especialistas, desde a súa orixe medieval até os nosos días». Será na Casa da Cultura de Vimianzo e as xornadas de conferencias complétanse cunha exposición, visita, música, teatro, poesía e gastronomía. «O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos» é o nome que leva o simposio que se celebrará entre o venres 28 e o sábado 29. Será a primeira vez que diferentes expertos investigadores poidan achegar diversas perspectivas e completar o relato histórico da fortaleza soneirá.

 

Conferencia de Lema Suárez

 

O venres á tarde inaugúrase o simposio coa conferencia de Xosé María Lema Suárez, autor xunta o finado Roberto Mouzo do primeiro e único libro monográfico sobre «O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira». O sábado a xornada ten varios bloques temáticos. A mañá vai adicada ao período medieval da fortaleza, con visita. Na tarde falarase de memoria histórica, dos sucesos acontecidos en 1936 durante o período no que o castelo foi propiedade municipal trala expropiación e acto simbólico do goberno municipal republicano, e a posterior represión exercida polos franquistas.

O terceiro bloque trata da xestión patrimonial, actividades actuais e proxectos de futuro para o castelo. A xornada remata no patio de armas co espectáculo teatral e musical de Tero Rodríguez e o grupo musical Barahúnda, en memoria das vítimas do 36.

 

Exposición fotográfica no Castelo

 

O simposio conta cunha exposición fotográfica do material achado no foso do castelo tras un derrubamento accidental do muro leste, pezas do museo arqueolóxico de San Antón da Coruña, que colabora con reproducións da cerámica de luxo e común atopada, armas de ferro e outras. Hosteleiros locais aportan diferentes produtos inspirados no castelo, desde as sobremesas até a gastronomía medieval posta en valor polo Concello de Vimianzo.