flashsgl

O concello e a dirección do IES Terras de Soneira de Vimianzo coinciden na necesidade de poñerse en contacto coa delegación de Educación da Xunta para que, coa maior urxencia posible, atenda a necesidade de adaptar a oferta formativa á demanda profesional da comarca.

Esta é a principal conclusión da xuntanza mantida hoxe no IES Terra de Soneira, na que participaron tamén a portavoz, Raquel Rodríguez, e o concelleiro, Francisco Calzas, do Partido Popular e na que os responsables do centro educativo trasladaron o interese por coñecer da rexedora as iniciativas que recollía o programa electoral socialista en materia educativa.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, salientou a coincidencia no diagnóstico cos docentes sobre as necesidades máis evidentes do concello de Vimianzo en materia de Formación Profesional e que, efectivamente recollía o programa de Goberno. Por tanto, ambas partes conveniaron a necesidade de dirixirse á delegación de Educación solicitando que, coa maior celeridade posible se implataran no IES Terra de Soneira os ciclos de FP dual de Soldadura e de Gandería e o ciclo básico de Hostalería.

Segundo explicou Mónica Rodríguez a petición faise “en orde da importancia que damos a estas materias para cubrir as demandas formativas do concello e da comarca”. As dúas primeiras satisfarían aos sectores industrial e agrogandeiro, namentres que o ciclo de Hostalería cubriría unha necesidade do sector, que exclama desde fai tempo a súa preocupación polas dificultades de atopar persoal formado para atender o incremento de visitantes en época turística.

A alcaldesa tamén ofreceu ao centro educativo o apoio do concello para incentivar a inscrición de alumnado nos ciclos medios e superior de Administración de Empresas, que xa se oferta no centro pero cuxa continuidade podería perigar polo baixo nivel de matriculación.

Nota de prensa do Concello de Vimianzo