O municipio portugués de Esposende convidou ao Concello de Vimianzo no Día Internacional do Turismo, para explicar o seu singular proxecto gastronómico.

No marco dunhas Xornadas Europeas de Patrimonio e Turismo, o pasado venres, o Técnico de Patrimonio do Concello de Vimianzo, Manuel Rial Santos, presentou o proxecto “Vimianzo, do mar á terra” e falou sobre a arqueogastronomía aplicada ao principal certame gastronómico da vila, os Pinchos Irmandiños.

Desde o municipio miñoto, mostraron o seu interese no proxecto vimiancés a partir dunha demostración realizada no certame gastronómico “Xantar” en Ourense, onde coñeceron a iniciativa “arqueogastronómica”.

Deste xeito, Esposende inspirouse nela para crear un proxecto propio de recuperación de receitas doutro tempo, “Esgastronomía”. Como introdución á presentación do proxecto vimiancés, o profesor da Universidade do Porto Carlos Brochado Almeida explicou a alimentación do pobo galaico durante a Idade do Ferro e a época medieval.

Nota – Concello de Vimianzo