O Concello de Vimianzo aprobou hoxe en sesión plenaria obras con valor de case un millón de euros, entre a relación de traballos incluídos no Plan Provincial e da recompilación de obras a realizar con fondos propios. En total, serán 871.650,54 euros.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou o “consenso entre as forzas políticas da corporación para conseguir melloras de gran relevancia para o noso municipio”, sinalou a rexedora.

En total, no concerninte ás obras do POS, destinaranse un total de 293.483,07 euros, dos que unha parte serán destinados a axudas en emerxencia social e para axudas para actividades de conciliación que pretende organizar o Concello, ademais do financiamento dos medios de prevención e protección para os comercios de Vimianzo, todas estas comprendidas no contexto da pandemia provocada pola covid-19. Serán por importe de 61.785,90 euros.

No relativo a obras, a relación comprende intervencións tan importantes como a mellora e ampliación da rúa Gándara entre a estrada AC-582 e o cruce Sansobre, cun importe de 216.816,04 euros; o proxecto de obra de reparación e substitución da capa de rodadura da estrada municipal entre Tines e a Piroga, por importe de 328.929,70 euros e a modificación do proxecto cun incremento económico de obra da reparación e mellora do firme, beiravías, cunetas e bordaduras na estrada municipal entre Carnio e Serramo, con valor de 32.421,79 euros.