A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, mantivo esta mañá unha xuntanza con diversos representantes da hostalaría local para plantexar, planificar e acordar unha nova liña de axudas ante a incertidume do futuro máis inmediato e a expensas “do que poida acontecer”, asegura a rexedora.
“Estamos agardando a que se produza o mellor escenario posible; este non é outro que a coordinación entre administracións para que, porcentualmente, poidamos cada quén achegar as axudas en función das nosas capacidades”, pero isto non quita que “á vez que estas negociacións se encauzan, desde o Concello de Vimianzo decidamos comezar a planificar partidas neste xeito”, di Rodríguez.


Antóllase indispensable, así, artellar unha batería de medidas para paliar os efectos da crise económica nun dos sectores máis castigados, como o é a hostalaría, aínda que tamén se “están a estudar outras dirixidas a máis sectores económicos do municipio”, sinalan desde o goberno local.


Así, o primeiro motivo da organización desta xuntanza, á que tamén acudiu a concelleira María José Pose, foi escoitar as demandas e preocupacións da representación da hostalaría vimiancesa. Plantexouse a posibilidade de redactar unhas bases que ditaminen os criterios das axudas “e que se poidan tramitar do xeito máis sinxelo posible”, admitían desde a hostalaría.


Así, o goberno local está a artellar as pautas para que esta demanda sexa realidade, e ensinarase un borrador das mesmas para consensuar “con todas e todos eles que é o criterio demandado”, afirma a alcaldesa, Mónica Rodríguez.


Posteriormente, plantexouse tamén a idea da constitución dunha Asociación da Hostalaría de Vimianzo, “algo que sería beneficioso para eles porque poderían optar, grazas a este status, de axudas vidas de distintas administracións”, aporta a alcaldesa, Mónica Rodríguez.


En tanto á temática das terrazas, a vontade do Concello de Vimianzo é “consensuar un modelo concreto, amparado pola conseguinte viabilidade técnica e atendendo os criterios que nos achegan os propietarios, para poder levalo a cabo unanimemente”, di a alcaldesa.


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo amosar a súa cautela ante a situación, xa que “non sabemos o que vai acontecer en xuño. Levamos moito tempo pechados e debemos ser cautas e cautos. Dentro deste primeiro ano natural, esta que plantexamos hoxe sería unha primeira axuda, que estudamos xa que comezamos exercicio pero que temos que axustar as partidas, xa que para nós será un esforzo orzamentario importante.

Temos que atender o avance da situación, porque ademais tamén estamos estudando axudas para outros sectores. Quixemos darlle prioridade á hostalaría porque é a que máis tempo leva pechada e sin poder facturar; temos a esperanza de que outras administracións colaboren e así poder chegar a unha solución óptima para todas e todos, e sobre todo, reverter esta difícil situación”, achega a alcaldesa, quen quixo enviar “unha mensaxe de ánimo para todas as persoas que rexentan un negocio baixo estas condicións, e transmitir que non estades soas e sós: traballamos e traballaremos para poder paliar os efectos desta devastadora crise sanitaria, que tamén o é económica”, sentenciou.

NOTA CONCELLO DE VIMIANZO