A ÚLTIMA GOLETA DE CABOTAXE DE ESPAÑA: A PONTE DO PORTO

por Rafael Lema

Noutros tempos a mayor parte da actividade comercial levábase a cabo polo mar, en pataches e bergantíns a vela na navegación de cabotaxe, de porto a porto. A Costa da Morte contou con célebres barcos no século pasado que ían a Vigo, A Coruña, Gijón, e incluso os portos do sur de España na procura de mercancias como viño e caña, figos e pasas, teas. E levaban peixe, madeira, encaixe.

Portos como Corme ou Corcubión gozaron de fama no tráfico de cabotaxe. A ría de Camariñas sobre todo destacou pola venda de madeira dos aserradoiros de Ponte do Porto. Un destes barcos foi o bergantín goleta Ponte do Porto, construido no solar da Solana, da vila porteña, e botado en Ponte do Porto en torno a 1917. Este veleiro pertencía a armadores locais como Gumersindo Rodríguez, José Noya, Pérez e Miñones. O seu último patrón, Ramón Ramos , de Camariñas, ainda vive, xa que o barco estivo medio século en activo. El comezou os 14 anos, e colleu o mando ó morrer seu pai, primeiro patrón, na travesía de Asturias. Ia a Sevilla e Valencia con mercancías e retornaba sobre todo con bocois de viño. O Ponte do Porto foi o último veleiro de cabotaxe de altura de España, pois deixou de faenar no ano 1958. Catro anos antes, perdeu os tres paos e botou un motor.

Estas goletas de gavia eran moi veloces e foron sustituidas despois da guerra española polos vapores. A madeira para armalo foi dos bosques da condesa de Cereixo, cortada polos serrachíns portugueses  coa burra ou serra lusa. Moitos deles ficaron entre nos, como os canterios de Pontevedra que fixeron o faro de Camariñas no 1896. Parte dos cartos que custou o barco procederon da herdanza do bispo de Haití Basilio Suárez de Lema, natural da Casa do Prado, que deixou máis de 30.000 francos de prata no 1883, cobrados en París 20 anos despois. Estes cartos serviron tamén para mercar o concello de Camariñas terreos para facer casas no Campo de San Roque, e evitar as riadas que no s.XIX inundaban o campo da feira porteña polo inverno. Outros barcos famosos nas súas visitas ós malecóns porteños foron o Manuela, as gabarras da madeira, o José Ramón, o Serrucho, o Camelle, o Mariana Benlliure. Ponte do Porto seguiu coa tradición de construcción de barcos, nos Talleres Valiña, ata os anos sesenta, con grandes navíos coma o Begoña, María Fátima. Logo, os astaleiros dos Romero en Cereixo seguiron, ata hoxe, armado pesqueiros. Na ría hai novas da construcción naval desde o s.XVI. Ponte do Porto non tivo lugares de amarre ata principios do s.XX. Nos anos vinte fíxeronse os malecóns da Gándara, antes había un embarcadoiro a carón da ponte, aínda existente. E en Cereixo, que é o porto máis antigo da nosa costa, atacado polos normandos no s.XII.