Fenicios en Camariñas

Nós tamén pensamos que a ría do Porto é navegable.

RAFAEL LEMA MOUZO

A ría do Porto é o nome polo que se coñece desde antigo ao tramo interior da ria de Camariñas, onde se ubican dous fondeadeiros, Cereixo e Ponte do Porto, citados nos mapas desde Teixeira (1607) ata o de Fernández Flórez (1838), e por suposto, nos contemporáneos, con datos de calado e fondo. Fenicios e románs coñecían as nosas costas, pero non fai falta remontarse ata tan lonxanos navegantes para falar de derrotas e singraduras na ría do Porto.

Esto ven a conto porque a deputada Marisol Soneira comentou recén que non subía un barco ata Cereixo desde os fenicios. Entendo que se trata dunha hipérbole, un falar por falar, unha brincadeira no ardor dun debate parlamentario. Pero, por se acaso, quero recordar que seguen vindo barcos aos nosos malecóns. Esta semana hai dous pesqueiros reparando no astaleiro de Cereixo, que segue en activo. Aquí fan e arranxan barcos. Botáronse nesta década varios.

Tamén temos unha vintena de embarcacións deportivas, que non teñen pantalán onde amarrar. Ata 1970 Talleres Valiña facía e armaba aquí barcos de bo porte, que daban a volta a España. E no século XX a estes malecóns achegábanse gabarras que soían estibar e sirgar, por certo, veciños de Buría. Eran barcos de cabotaxe que lle traían viño e augardente a fonda do meu bisavo desde Vigo, por exemplo. Gardo os albaráns na casa. E antes as de Ramón de Xulia, Alfredo Noia, o Reino, Maria de Luisa, o Atrevido. Que andaban con madeira, sal, carga xeral.

Os nosos pais saben de que falo, foi onte, non cando Anibal, nin nos tempos dos mouros. Barcos como o Manuela, Puente del Puerto, Camelle, Mariana Benlliure, Serrucho, Maria Fátima, José Ramón. Con patróns e armadores de Corme, Camelle, Camariñas, A Ponte. En fin, que a memoria está recente e as testemuñas vivas. O río Grande do Porto segue sendo navegable. Veñan a comprobalo.