Fai 25 anos Rafael Lema recuperaba a figura deste activista cultural da Ponte do Porto.
Manuel Suárez.Creador de versos, correspondente de prensa e comerciante da Ponte do Porto.
Sobre Manuel Suárez
Señor Manolo do Campo era un comerciante, que tiña o seu negocio na primeira planta do antigo Casino Republicano de Ponte do Porto. Amante do seu pobo e con inquedanzas culturais, colaborou en medios de comunicación como El Noroeste ou Nerio, con noticias do seu pobo e con creacións literarias.
Os anos 20 e o período da Segunda República foron épocas de importante actividade cultural e social nesta vila. Manuel Suárez nadaba entre a bretemosa memoria colectiva dun pobo onde os vellos ían desaparecendo.
Unha publicación recupera ao vate porteño
Foi Rafael Lema en 1992 na publicación “Blas Espín«, o que recuperou ao noso ilustre veciño. As súas poesías ficaban nos xornais daqueles anos e neste pequeno cartafol. Hoxe queremos ceiba-las pola internet.
Non falamos dun home cunha grande excelencia lírica, pero si representa a idiosincrasia do pobo onde nacemos uns cantos, e máis unha mostra de compromiso co idioma e de paixón polas letras. Hoxe comparto dous dos catro textos que temos do noso aprezado Suárez.
Algúns versos de Suárez
I
Eu son da Ponte do Porto,
eu son da beira do mar
onde o río leva augua de soedá.
Onde o pino rumoroso
canta baixiño
e as panilleiras
moven o panillo.
Ten unha ponte romana
ten o campo de San Roque
ten o campanario da Grixa,
Alí temos que ir todos cando acabe a nosa vida.
A Ponte, vila sin par
arrodeada de pinos,
Co río-mar.
II
Monte Croado,
onde o celta e xentil defendía
os vales de Carantoña e a ría de Camariñas.
Desde alí vexo o castelo
Que chaman do Soberano
a Punta da barca, forte,
espigón no mar clavado.
Marchou o rei da montaña
dos ollos chorando ríos.
Monte Croado, Monte Croado,
Quen me dera o teu reinado.
FOTO- MANUEL SUÁREZ- cedida polo Centro Blas Espín