OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Segundo o PP A Xunta comunica ao Concello de Zas unha sanción “moi grave” pola contratación irregular dun socorrista.

 

COMUNICADO DO PARTIDO POPULAR DE ZAS

 

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, lamentou hoxe que teñan que ser os veciños do municipio os que, co diñeiro dos seus impostos, deban facer fronte á multa de máis de 15.000 euros coa que a Xunta de Galicia sancionou ao Concello pola contratación irregular dun socorrista para a piscina municipal.

 

Desde o Partido Popular cualificaron de “moi grave” que unha “neglixencia e un capricho” do rexedor, Manuel Muiño, acabe cunha sanción económica que repercutirá directamente nas arcas municipais de Zas.

 

“Gustaríanos saber a quen culpa agora o alcalde de todo isto”, subliñou Gómez, quen lembrou que o rexedor negou no pleno a posibilidade de que o goberno autonómico multase ao concello por contratar a un socorrista que non cumpría cos requisitos obrigatorios para poder desempeñar as súas funcións na piscina municipal, tal e como denunciaron os populares.

 

“O señor Muíño dixo que mentiamos, que a piscina a cerrou o Concello porque quería, que a documentación estaba en regra e que todo era unha invención nosa”, dixo Gómez, quen fixo fincapé en que, unha vez máis, “o tempo pon a cada un no seu sitio” e, como di o refrán, “cóllese antes a un mentireiro que a un coxo”.

Responsabilidade do alcalde

O portavoz dos populares en Zas lembrou tamén que foi o alcalde o que deu o visto e prace á contratación do socorrista, facéndose responsable único das consecuencias que podería carrexar esta situación.

 

“Entendemos que será o señor Muíño o que asuma a súa responsabilidade e faga fronte á multa co diñeiro do seu peto”, dixo Gómez, quen volveu lembrarlle ao rexedor que “existen unhas leis que hai que cumprir, aínda que non gusten, e aínda que un pense que pode xestionar e levar o día a día dun Concello sen telas en conta”.

 

Neste sentido, o popular recordou que “advertimos en numerosas ocasións ao alcalde que os procedementos administrativos deben seguir unha canle legal, que o responsable máximo dun executivo municipal non pode facer o que lle vén en gana e como lle vén en gana porque despois hai consecuencias que pagan todos os veciños”, dixo Gómez.

 

 

Por último, o portavoz urxiu ao alcalde a que pida perdón a todos os veciños de Zas pola súa “chapuza” e esixiulle que cambie a súa maneira de facer e de entender a política e poña todos os medios ao seu alcance para “non volver tropezar coa mesma pedra”, porque o Concello ten moitas necesidades como para andar “tirando 15.000 euros” neste tipo de asuntos