O PP de Zas denuncia que se perderon máis de mil horas de Axuda no Fogar por culpa do concello.

 

O Partido Popular de Zas asegura que máis dunha quincena de veciños quedaron sen servizo de Axuda no Fogar durante os meses de setembro e outubro por culpa do concello.

 

Segundo os populares o concello de Zas non utilizou as 519 horas mensuais financiadas pola Xunta de Galicia con 9,70 euros por hora de servizo e nas que o usuarios poden achegar entre 3 e 4 euros e en determinados casos, o concello completar a diferencia.

 

“É complicado de entender que, existindo lista de espera de máis de quince veciños, o goberno local non bote man da axuda que lle ofrece a Xunta” manifestou o portavoz David Gómez, que insta ao alcalde Manuel Muíño a que utilice os recursos municipais para financiar a parte que lle corresponde ao Concello e, desta maneira, “poder terminar coa lista de espera no servizo de Axuda no Fogar”.

 

“O realmente grave é que o alcalde lle negue o servizo aos veciños”

 

Gómez Brandariz pide que o goberno local do BNG xere “crédito suficiente” para sufragar as horas necesarias e “non perder os case 10.000 euros que o executivo autonómico” achega para este servizo.“Chove sobre mollado. No ano 2015, desde o Partido Popular xa denunciamos que o Concello desaproveitara 45.213 euros deste mesmo servizo, mentres os veciños seguen á espera de poder utilizalo” engadiu Gómez.

 

Para o edil popular “non se trata tanto de non aproveitar o diñeiro que a Xunta ofrece para financiar este plan, que tamén, senón que, o realmente grave, é que o alcalde lle negue o servizo aos veciños e despois culpe ao goberno autonómico”.