cof


O equipo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas vén de ampliar o seu parque móbil coa entrega, por parte da Consellería de Presidencia, dun novo vehículo tipo pick up. O Tenente de Alcalde, Óscar Lema; e a Responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas, Elena Ramos; desprazáronse esta mañá ata Vedra onde recibiron o novo coche de mans do Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.


Trátase dun Nissan Navara que conta con diversos outros equipamentos que mellorarán a mobilidade dos membros de Protección Civil e facilitará a realización dos traballos que realizan a diario tales como diferentes actuacións de prevención de riscos, a intervención en operativos de emerxencia ou a coordinación de actividades ou eventos nos que se concentran un gran volume de xente, entre moitas outras.


Xunto co de Zas, outros once concellos da provincia da Coruña reforzaron a súa equipación de emerxencias grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades municipais en materia de protección civil e emerxencias.

Fonte – Concello de Zas