Image

O Concello de Santa Comba está disposto  a tomar medidas contra a empresa Aquagest “á vista das deficiencias de conservación e sanitarias das instalacións da piscina municipal climatizada que xestionan baixo concesión, con perigo de seguridade e salubridade para os usuarios”. Segundo o concello a empresa está incumprindo as obrigas establecidas no contrato de xestión do servizo. E aínda que desde a empresa se fala de causas puntuais; o alcalde José Antonio Ucha e o seu goberno están coa mosca detrás da orella.

Segundo nota de prensa do goberno local ”Despois de varias inspeccións realizadas por técnicos municipais e o propio alcalde, a Policía Local levantou un acta de inspección que consta de 10 folios e 85 fotografías donde se aprecian as humidades, charcos e filtracións de auga procedente do vaso da piscina. Tamén se observa nunha zona do chan bastante cantidade de algún compoñente químico que foi derramado e auga que nalgunas zonas cae sobre a instalación eléctrica co correspondente risco. Ademáis de ter depositados bastantes bidóns de materiais químicos ao lado do panel de control eléctrico”. Posteriormente a Consellería de Sanidade, nunha inspección realizada pola inspectora Celia Santos Expósito, no marco do desenvolvemento do Programa Galego de Vixiancia Sanitaria atopou varias deficiencias nas mostras da auga da piscina despois do seu análise microbiolóxico e físico-químico no laboratorio da delegación provincial de sanidade da Coruña.

Desde o concello considérase que Aquagest está incumprindo ás súas obrigas establecidas no contrato administrativo asinado co anterior goberno, e en concreto no artigo 6.4 “limpar, manter e conservar en perfecto estado de funcionamento a instalación…”, 6.8 “Vixila-lo complexo deportivo nas súas diversas instalacións, adoptando cantas disposicións e medidas de seguridade sexan precisas…”, 6.13 “cumplir estrictamente tódalas disposicións vixentes en materia laboral e de seguridade social, así como de seguridade e saúde no traballo e prevencións de riscos laborais…”.