
O goberno defende a súa xestión mentres a oposición denuncia un interese recadatorio.
Nota:
Este venres especial informativo no Programa Na Encrucillada de Radio Xallas(107.5FM) desde as 13,00h.
Ademais na tarde deste venres Anosacosta publicará a segunda parte da crónica plenaria.

A corporación municipal de Santa Comba dou luz verde a ordenanza da taxa da recollida do lixo e, inicialmente, a referente ó servizo de Axuda no Fogar, así como ó inventario de patrimonio municipal.
Antes foi necesario respaldar uns “cambios non substanciais” en varios proxectos do POS 2014. Miguel Pérez defendeu que “se solventen as carencias que haxa porque o interese dos veciños é que se fagan as obras”. José Antonio Ucha advertiu de posibles “irregularidades”, que foron negadas polo alcalde Antonio Landeira.
O inventario, cunha alegación incluída, foi votado a favor por PP, IXSC e Terra Galega mentres que o PSOE votou en contra, xa que pensa que o procedemento para estimar a alegación non foi o correcto.

Socialistas e centristas rexeitaron a ordenanza para a taxa do lixo. Para Ucha Velo o esencial é que “estamos en contra de que se suban os impostos” acusando ao goberno “de extorsionar aos veciños e despois gastar os cartos en tonterías”. Nunha liña similar se expresou, Francisco Ameijeiras que aconsellou ao goberno “que empece a apretarse o seu cinturón e non apretarllo ós veciños”.Unha ordenanza necesaria para manter un servizo deficitario, segundo PP e IXSC. Desde a alcaldía insistiron na obriga de tomar medidas encamiñadas a reducir as perdas na xestión da recollida do lixo, cuias taxas seguen sendo menores cas doutros concellos da contorna.

A ordenanza de Axuda no Fogar, foi aprobada por PP e IXSC, coa abstención de Tega e o voto negativo do PSOE. José Antonio Ucha volveu a denunciar que o goberno “só pretende cobrarlle máis a xente” e María José Ares Casal solicitou que “se inxecten máis cartos aos servizos sociais”.
Desde o goberno María Pose valorou o servizo que ofrece o concello, e afirmou que o executivo do PP traballa coa maior “sensibilidade” e tentando dar resposta as “necesidades”. Miguel Pérez vinculou a aprobación desta ordenanza pola obriga “de situarnos dentro da legalidade”.
