A corporación local de Santa Comba aprobou as actuacións do Plan Único de concellos POS+2019, que irá integramente destinado a investimentos que suman un importe de 1.026.951 euros, entre as achegas provinciais e o préstamo provincial(323.962 euros). A maiores, o concello achega uns 63.519 euros.

O plan saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e de Terra Galega. O PSOE votou en contra. Os socialistas criticaron «as formas» de presentación do plan e que non se celebrase a comisión informativa, mentres que a alcaldesa María Pose recriminou o sentido do voto do PSOE e defendeu a importancia dos investimentos para o concello.

As obras a desenvolver son as seguintes:

Mellora da pavimentación e sinalización da vía de comunicación entre San Cristovo e Grixoa- 153.070 euros

Mellora da pavimentación e sinalización da vía de comunicación entre os lugares de Cubelo, Caselas e Randulfe- 128.105 euros.

Mellora da pavimentación e sinalización da vía de comunicación entre os lugares de Ventosa, Alvarín e O Couto-152.883 euros.

Reparación asfáltica de viais na parroquia de San Pedro de Cícere- 37.242 euros.

Mellora da pavimentación e sinalización da vía de comunicación entre os lugares de Esmorode e San Cristovo. 231.962 euros.

Abastecemento de auga á parroquia de Castriz- 323.686 euros.

 

Conta xeral 2017 aprobada

Ademais no pleno celebrado este luns tamén se aprobaron once proxectos do Plan Complementario 2019 por importe de 745.203 euros, que se agardan poder realizar,en parte, coas baixas das adxudicacións das obras anteriormente descritas. A corporación local aprobou na mesma sesión a conta xeral do ano 2017.