A Casa da Cultura de Mazaricos encheuse para coñecer o proxecto do actual alcalde, Juan Blanco, para os vindeiros 4 anos. O rexedor iniciou o seu discurso afirmando que o “gran cambio, para ben”, conseguido en Mazaricos é un “feito e ademáis é un orgullo para todos”.


A continuación presentou o seu equipo de concelleiros e concelleiras composto por Beatriz Alvite, Esteban Pereiro, Sandra Alvite, Jorge Domingo Villar, Jorge Sanmartín, José Miguel Blanco, Cristina París, María López, Vanesa Pereira, Roberto Tuñas e José Manuel Campos, Bienvenido Solís, Montse García e Lourdes Moldes de suplentes.


Blanco afirmou que se trata dun equipo “plural e representativo, tanto a nivel territorial como profesional”. “Son xente de Mazaricos que continuará a traballar para a veciñanza de Mazaricos para desenvolver o noso proxecto”, subliñou.


O rexedor afirmou que durante a pasada lexislatura cumpriron “todas as promesas do noso anterior programa electoral, porque o noso son os feitos e esa continuará a ser a nosa característica esencial: traballo, traballo e máis traballo”. Ao fío disto engadiu que “eses dez puntos do programa foron feitos xa nos primeiros dous anos” e detallou moitas outras acción emprendidas durante o seu mandato que “sentan as bases” do que é o seu “proxecto de continuidade e futuro”.


Blanco detallou os “piares básicos” da xestión do concello: “a transparencia nas contas, a xestión institucional competente, o mantemento de camiños, a xestión da auga, o apoio aos gandeiros, hostaleiros e demais empresarios, a mellora das condicións de vida para os nenos e maiores e o apoio absoluto a todas as actividades deportivas e asociativas”.
O acto marca o pistoletazo de saída da precampaña en Mazaricos.

Nota de prensa- Remitida