O Concello de Santa Comba acolleu a presentación da guía do Camiño de Santiago a Muxía, por Brandomil, nun acto que tivo lugar en Ler Librerías, e no que participaron a alcaldesa, María Pose, o autor Manuel Vilar e o editor Henrique Alvarellos.


Na súa intervención, a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, subliñou a importancia que ten para a vila esta ruta, tanto no plano turístico, histórico e económico, porque a súa promoción vaia axudar a recuperar e consolidar esta vía que atravesa a Capital do Xallas.


A guía, que se vai distribuír en puntos destacados da vila, anima a percorrer esta senda histórica que conta con pouco difusión i está pouco recoñecida, a pesares de ser o camiño máis dereito entre Santiago de Compostela e Muxía, empregado dende fai séculos por peregrinos e camiñantes.
Consta de 86 quilómetros que a guía presenta con todos os seus atractivos e con planos con etapas, lugares e monumentos para visitar e ilustrada con 75 fotografías.


Andaina o xoves 9 de maio


Co obxecto de axudar a súa promoción, o Concello de Santa Comba ten convocada unha andaina para o vindeiro xoves, 9 de maio ás 10:00 a que están invitados todos os representantes dos Concellos polos que pasa a ruta. Así, se percorrerá un tramo de esixencia baixa de aproximadamente unha hora entre Fontecada, e a Ponte de Brandomil. O punto de encontro é na Praza de San Martiño de Fontecada.

Fonte- Nota de prensa do concello de Santa Comba