O alcalde de Santa Comba David Barbeira reuniuse cos representantes da Camara Oficial Mineira de Galicia para avanzar diversas actuacións no histórico entorno mineiro.

O goberno municipal de Santa Comba quere facer unha aposta definitiva pola visibilidade de recursos de gran valor turístico e patrimonial da zona; e a minería, a historia da mina de Varilongo e as vivencias dos seus protagonistas e os espazos que determinaron estas historias son os eixes para a recuperación para a xente do pobo do valor diferencial deste entorno e do seu pasado.

Esta idea foi compartida polo alcalde de Santa Comba David Barbeira García nunha primeira xuntanza cos representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia, entidade que xa está colaborando con outros concellos de toda Galicia en recuperar e dar visibilidade a entornos singulares da minería e da xeoloxía. Nesta xuntanza, tanto o presidente da Cámara, Juan de Dios Martín Aparicio, como o Director ,Diego López González, expresaron ao mandatario xalleiro a mellor das predisposicións para que ambas entidades, Cámara Mineira e Concello, asinasen un convenio, a través do cal a Cámara poida colaborar, tutelar, aportar información e axudar en xestións ao Concello de Santa Comba no desenvolvemento deste proxecto. O camiño debe de ser o de colocar o entorno do Monte Varilongo e as zonas cercanas das parroquias de Santa Sabiña, San Salvador e Grixoa de Esternande como un enclave de valor turístico que ofrecer aos vistitantes, completando a posible oferta cos entornos do río Xallas, o sendeirismo e os deportes na natureza, o patrimonio relixioso e arquitectónico e a rica gastronomía.


Os primeiros pasos que dará o Concello de Santa Comba serán a recopilación de todo o material fotográfico e específico que poida, coa temática da minería e da historia do volframio como eixo conductor, para despois poder instalar, conservar e dinamizar un futuro Museo da Minería e Centro de Interpretación no antigo Edificio Principal da Mina de Varilongo.


Para esta recopilación, ademáis dos fondos fotográficos que conserva o concello, un equipo de traballadores coa colaboración de voluntarios que lles interese a temática e a recuperación deste tipo de patrimonio, realizarán unha búsqueda aberta e activa de materiais interesantes para o futuro museo. Unha vez catalogado e recollida a historia de cada elemento ou fotografía, gardarase e habilitarase un espazo para a súa visita e disfrute.


Ao mesmo tempo, recolleranse as historias vitais de antigos traballadores e traballadoras da mina, auténticos tesouros que sobreviven, pero con alto risco de perderse pola avanzada idade de moitos deses traballladores.


A idea do executivo municipal é ampliar esta búsqueda e catalogación do patrimonio histórico xalleiro a outros ámbitos, pero Varilongo e a minería serán uns dos primeiros expoñentes.
O alcalde David Barbeira amosouse moi ilusionado con este proxecto, como parte da “recuperación do orgullo de ser xalleiros e da nosa historia”.

Ao mesmo tempo, Barbeira entende que “esta potenciación turística é un proceso longo, que debe de ir avanzando cara o aproveitamento do entorno mineiro e das galerías accesibles para futuras visitas guiadas e eventos deportivos, pero que os primeiros pasos deben de ser seguros, e coa próxima colaboración da experiencia da Cámara Mineira de Galicia creemos que podemos avanzar nunha idea que debe de ilusionar á xente, e facer do sector turístico no entorno rural unha nova vía de evolución económica para o concello”.

A xuntanza entre o Alcalde de Santa Comba e a delegación da Cámara Oficial Mineira de Galicia tivo lugar na sede de CAVISA en Vimianzo, aproveitando que desde que a dirección desta emblemática empresa da Costa da Morte recae no xalleiro Juan José López Muñoz, Caolines de Vimianzo está dando importantes pasos na minería sostible en relación co entorno natural co que convive, ademais de impulsar a recuperación da historia da minería na zona de Vimianzo e Laxe e de organizar visitas escolares á propia mina, como parte da promoción do turismo industrial na zona.

Nota de prensa do concello de Santa Comba