O pleno comezou coa aprobación da acta da sesión anterior e coa dación de contas da constitución dos grupos políticos: BNG, PP e Grupo Mixto. Tras iso, o grupo de goberno, coa abstención do PP e o voto en contra do PSOE aprobou a periodicidade dos plenos que, como viña sendo habitual, continuarán sendo bimensuais.

Tras iso, a proposta do equipo de goberno, aprobouse a creación da Xunta de Goberno Local, destinada a “axilizar aínda máis” cuestións burocráticas e tamén dunha Comisión Informativa Especial de Contas, cuestión na que ambos grupos da oposición se abstiveron.

Por outra banda aprobouse a proposta de dúas dedicacións exclusivas, unha para o alcalde, Juan José Blanco Riveiro e outra para o edil que levará Réxime Interno, Funcionamento e Deportes, Jorge Domingo Villar Covas. O alcalde, Juan José Blanco, quixo resaltar a “necesidade” desta nova dedicación para poder “atender ben aos veciños xa que, por mor do aumento do volume das actividades ás veces é imposible conciliar a axenda”.

Do mesmo xeito, o rexedor tamén salientou que o seu salario “non experimentará ningunha suba e manterase nos 30.000€ e, aínda coa nova dedicación, o gasto en salarios continúa a estar moi por debaixo que o da anterior corporación”. O grupo popular votou en contra por non considerar necesaria a segunda liberación. O representante socialista tamén criticou a proposta pero decidiu absterse na votación.

Así, a tenente de alcalde será Beatriz Alvite que tamén se encargará de Medio Rural e Medioambiente; o 2º tenente de alcalde será Esteban Pereiro, que levará infraestruturas viarias e servizos públicos. Sandra Alvite terá a concellería de Igualdade e Cultura; Jorge Domingo Villar desenvolverá Réxime Interno, Funcionamento e Deportes; Jorge Sanmartín Turismo e promoción económica e das obras encargarase José Miguel Blanco.

Fonte-Nota de prensa do Concello de Mazaricos