O director de Anosacosta, Juan José Canosa Rey, entrevistou ao alcalde de Santa Comba, David Barbeira García(CxG).

P- Que destacarías destes dous primeiros meses na alcaldía?

R- Destacaría a actitude do persoal e o comportamento que tiveron conmigo. Entras aquí e sempre vés un pouco con medo polo que che dín. Pero a min axúdanme moitísimo a sacar cousas adiante, e en todo momento me apoian.O que máis me sorprendeu é a actitude dos empregados públicos.

P-Cal foi a xestión ou actuación feita que máis che aledou neste tempo de mandato?

R-Reestruturar todo leva o seu tempo. De algo que estou contento é da mina de Varilongo que é un atractivo turístico a nivel nacional que queremos poñer en valor. Xa tivemos os primeiros contactos e estamos traballando nisto. A xente está moi involucrada neste proxecto que pode ser unha realidade moi pronto.

P-Que tal a coordinación co socio de goberno, o PSOE?

R-Temos unha relación fluída. Non queda outra que entendernos. Tiñamos ganas de cambio no concello e os nosos programas son moi similares. Non ten porque non haber entendemento. As veces non compartimos a mesma forma de facer as cousas pero se sabemos estar cada un no seu sitio, todo vai a ser fácil e non deberíamos ter problemas.

P- Que obxectivos te marcas para estes dous anos de mandato?

R-Teño moitos obxectivos porque hai moitas cousas por facer. Pero obxectivos principais, pois ter un Centro de Día con opción a residencia que fai moita falta. Aumentar o solo industrial é vital para o noso concello, e o turismo, xa que temos moitísimo que ofrecer e está todo sen explotar. Se en dous anos logro estes tres obxectivos dareime por satisfeito.

P-Continuará o teu goberno con eventos como a Festa dos Maiores ou a Poxa de Xovencas?

R-Queremos continuar con iso porque parécenos que é algo que está ben. A Festa dos Maiores é un día no que se xunta a xente maior e é algo moi bonito. Tamén seguiremos apostando pola feira das novillas e incluso queremos ter máis cousas. Son dúas cousas moi importantes para o noso concello.

P- Como se sinte unha persoa que fai dous meses falaba de proxectos e facía propostas sen ser concelleiro e agora está dirixindo o concello?

R-Nunca me imaxinei chegar aquí en dous anos, sen experiencia política. Non sabes como funciona o concello por dentro, pero as ganas e a ilusión de traballar polo pobo déronme ese plus de valor, para enfrontarme a algo que descoñecía. Vivo un momento doce e marabilloso e quero disfrutalo.