Este é o comunicado divulgado desde o concello de Santa Comba sobre unha viaxe de estudantes xalleiros a Roma e o coronavirus.

O Alcalde do Concello de Santa Comba despois da reunión que mantivo coa Técnica Epidemióloga da Dirección Xeral de Saúde Pública Ánxela Pousa Ortega e en relación co alumnado do IES Terra de Xallas que realizou unha viaxe a Roma

COMUNICA:

1.- Que o alumnado non viaxou a áreas de risco en Italia.

2.- Que aínda non viaxando a unha área de risco se están a tomar as recomendacións establecidas pola Dirección Xeral de Saúde Pública e o Servizo Galego de Saúde que despois da reunión levada a cabo no día de hoxe co Xefe de Servizo de alertas epidemiolóxicas da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña e o Inspector Territorial de Educación son as seguintes: RECOMENDACIÓNS:

1.- Continúar coa vida normal e habitual en familia, amigos, ámbito escolar e laboral.

2.- De observarse algún dos seguintes síntomas: febre, tos, sensación de falta de aire, malestar xeral… chamar ao 061 de xeito inmediato, permanecendo na súa residencia habitual e evitando o contacto estreito con outras persoas, mantendo unha distancia superior a 1 metro mentras non se lle realizan as probas pertinentes polo 061.

Polo tanto, dende o Concello e atendendo ás directrices da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña, transmítese e pídese tranquilidade para todas as familias e para toda a cidadanía en xeral.