Sábado de actividade gandeira en Mazaricos

Por o 2 diciembre, 2017

 

As xornadas técnicas foron as protagonistas desta mañá. Empezaron ás 10.45 con Alejandra de la Barrera, responsable Grupo PS Vet DairyQuality S.L, deu unha charla sobre pautas para mellorar a calidade do leite. Tras ela foi o turno de Mónica Barrio e Ismael Fernández, veterinarios de Xénese, Equipo de Transferencia embrionaria. Xa non eran novatos en Mazaricos pois veñen de impartir un curso de inseminación teórico e práctico nesta materia pioneiro no Concello.

 

Logo dunha pausa para café, o director de BancoAgro (ABANCA), Jesús Combarro, aportou claves e datos para a elección do banco por parte dos gandeiros. Tras iso foi o turno do director da división de Servizos Agrogandeiros de CLUN, Ángel Miranda que fixo unha reflexión sobre se o sector vai no bo camiño. Abordou temas desde os forraxes, ao gasto en infraestrutura ou a eliminación de reses. Manuel Rondón, xefe de vacún leiteiro de Nanta deu pautas para manexar e nutrir ás becerras do nacemento á cubrición.

 

 

 

Pechou a sesión Albino Iglesias, veterinario do servizo de Alimentación de Seragro S. Coop. Galega cunha didáctica presentación con vídeos e imaxes sobre que poden facer os gandeiros fronte ao estrés por calor. Clausuraron a xornada o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Blanco subliñou a importancia este tipo de xornadas “para que as persoas das explotacións gandeiras podan incluír novas técnicas nas súas explotacións, porque sería imposible concibir Mazaricos sen a gandería e a agricultura”.

 

 

Pola súa banda, a conselleira reiterou aos gandeiros o seu compromiso para frear a directiva europea que afecta aos puríns e que esixe deixar de aplicar purín nas fincas sen que teña contacto co aire. Vázquez subliñou que “imos intentar por todos os medios que non haxa que aplicala para o ano, porque non ten sentido no caso galego, estamos facendo reclamacións catro comunidades autónomas”.

 

 

A primeira hora da tarde, os nenos e nenas de Mazaricos participaron na xinkana organizada por Eu Son Mazaricos. A actividade era lúdica pero grazas a ela tamén aprenderon cousas de cultura xeral do seu municipio e da actividade agrogandeira. As xornadas técnicas, os xogos para os máis pequenos e os premiados, protagonistas da primeira xeira da Semana Gandeira A Banda da Balbina puxo música e animación antes da entrega dos premios dos concursos desta edición.

 

Así, no caso do concurso fotográfico, a persoa gañadora da categoría de votación en Facebook foi Belén Trillo; as categorías de animais no rural e retrato no rural foron para Rebeca Conde, gañadora tamén o ano pasado, por último, na categoría de paisaxes rurais fíxose co premio Héctor Brea. O gañador do premio de postres lácteos volveu recaer en José Manual Carreira, gañador do ano pasado e chef do asador mazaricán Manduca. O premio do concurso de microrrelatos foi para Nuria Pampín Rey.

 

O xurado fixo agradecemento especial aos nenos e nenas de 4º de primaria do CPI A Picota que participaron. Mañá pecharase a semana gandeira coa poxa de 25 xovencas frisonas, todas de alta xenética. O director ténico de Africor, Manuel Moreira afirmou que está “especialmente orgulloso da selección de animais desta edición”. Os animais xa están preparados nunha carpa especialmente acondicionada ao lado do recinto multiusos onde será a poxa.

 

 

 

Fonte- nota de prensa do concello de Mazaricos

Comentarios

Comentarios

Debes estar registrado para comentar Login