O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, no treito final da súa primeira lexislatura no goberno, amosa a satisfacción de que «foron tres anos de traballo moi intenso nos que demos entrada aos veciños para que participaran na xestión do concello día a día». Deste xeito, segundo o rexedor, «a vida política pasou a ser de todos». Nunha entrevista ao xornal Adiante Galicia Blanco salienta a renovación realizada dentro do concello «no xeito de traballar»,o labor moi forte para a integración de asociacións, ou «o impulso ao sector gandeiro, ao turismo e as pequenas empresas».

 

A presenza do concello de Mazaricos

 

Outras cuestións importantes son «a xestión da auga ou das novas normativas que van incidir no futuro e a marcar a diferenza con outros concellos da contorna». Tamén puxo en valor a promoción e «a presenza de Mazaricos que antes non existía». Para o alcalde, todo isto «aumenta o nivel de esixencia, porque «marcamos un antes e un despois na forma de traballar e deixamos un listón moi alto que hai que manter».

 

«Agora mesmo as prioridades do concello de Mazaricos son rematar as obras pendentes do POS 2018, deixar zanxada a parte do abastecemento e ir marcando a tendencia futura» anuncia o rexedor, a quen lle preocupa «o envellecemento da poboación e da necesidade de manter os servizos e fomentar o asentamento de xente moza». Outro obxectivo é «fortalecer aínda máis o sector do turismo».