As prospeccións mineiras que a empresa sueca Eurobattery Minerals vén realizando en Castriz son ilegais, xa que os dereitos mineiros que usan están caducados.


Esta é a denuncia da asociación Petón do Lobo que insta á Xunta de Galicia á paralización inmediata das prospeccións, “en tanto que non someta a exposición pública o proxecto dos permisos de investigación mineira e o plan de restauración das catas, que a mercantil realiza na exploración de níquel, cobalto, cobre e terras raras”.


Tamén lle piden ao alcalde de Santa Comba e a corporación municipal que trasladen a mesma esixencia ao goberno galego e emprazan aos veciños das parroquias de Castriz e San Salvador “a organizarse para a defensa das súas casas e as súas terras”.


Segundo Petón do Lobo o dereito minero “Carmen” sobre o que traballa a empresa (caducado desde hai anos) abrangue unha superficie de máis de 2.500 hectáreas e núcleos habitados como o de “Castriz, San Salvador, Vilartide, Vilardante de Arriba, Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto, Castro, Choupana, Codeseira”.