Image 

Arturo Ferraces Martínez (Santiago, 1973) será o novo técnico do primeiro equipo de Calvo Xiria para a temporada 2007-08. Dende que se coñeceu a marcha de Óscar Lata para Ávila a primeira opción que se barallou foi a de Ferraces, ata hoxe adestrador do Noia de Primeira Nacional. A pesares da súa xuventude Arturo Ferraces ten unha longa traxectoria. Como xogador militou no Pío XII, Riveira e Rosalía. Dende os 20 anos comezou a adestrar en equipos de rapaces e ós 23 xa dirixía a un dos cadetes do Rosalía, un dos grandes do baloncesto galego. No ano 99 deixa de xogar e, despois dun periplo polo júnior do cadro santiagués, pasa a ser o segundo adestrador do equipo de Liga Leb. No ano 2002 convértese no máximo responsable do Riveira. Nesta estructura (en 2004 o clube trasládase a Noia e mantén a mesma base) permaneceu as cinco últimas temporadas.
Con este equipo estivo un ano en Liga Eba e os catro últimos en Primeira Nacional, nos que logrou tres campionatos de liga regular e dous ascensos (ós que o clube renunciou). En Arturo Ferraces queda depositada toda a confianza para iniciar un novo proxecto a longo prazo na dirección de Calvo Xiria.