O Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia visitou Carnota acompañado polo seu xefe territorial, Manuel Varela Rey. Foi recibido polo alcalde, José Oreiro, nun encontro no que tamén estivo presente a deputada autonómica Marisol Piñeiro.
Na súa visita ao Concello de Carnota, o conselleiro de Cultura e Turismo tivo a oportunidade de coñecer in situ os detalles da intervención prevista na Igrexa Parroquial de San Clemente de O Pindo e o proxecto para a construción do Centro Sociocultural de O Viso. Ambas iniciativas, segundo o conselleiro permitirán avanzar no interese común da Consellería de Cultura e Turismo e do Concello de Carnota para a maior difusión do turismo cultural e histórico galego.
As axudas previstas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para as actuacións na Igrexa de San Clemente de O Pindo e a restauración do seu antigo retablo alcanzarán os 210.000 euros, segundo a valoración efectuada polos servizos técnicos da Consellería, e se prolongarán durante 6 meses a partir da primavera de 2010. Os informes elaborados sobre este elemento patrimonial definen a Igrexa de San Clemente como un interesante templo que consta na actualidade de dúas partes diferenciadas, unha capela de trazas barrocas orixinais, empregada na actualidade como sancristía e unha ampliación a mediados do século XX disposta en perpendicular. No templo orixinal existe un retablo pétreo de finais do século XVIII de granito e policromado que na actualidade utilízase como lugar de almacenamento.
De xeito detallado, un total de 176.000 euros estarán destinados á restauración da estrutura de cuberta e cubrición das dúas partes do templo, o repicado e encintado de morteiros exteriores e limpeza de interiores, carpinterías e reconstrución do coro, limpeza e reparacións no pavimento da igrexa primitiva e a Instalación de electricidade e iluminación. Sobre o retablo ancestral da Igrexa de San Clemente levarase a cabo unha restauración completa, prestando especial atención á humidade, presupostada en 34.000 euros.

Casa Reitoral de Lira
Asemade, Roberto Varela anunciou a restauración por parte da Consellería de Cultura e Turismo da Casa reitoral de Lira e o retablo da Igrexa, asoladas ambas por unha praga de termitas. O retablo contén imaxes do Sagrado Corazón, San Xosé e a Inmaculada e conta cun tondo sustentado por dous anxos que representa o cordeiro rodeado de querubíns. A policromía deste retablo e probablemente toda a súa estrutura están afectados polo ataque de termitas polo que impera unha actuación inmediata. A Consellería aproba o comezo das obras e da aplicación dun tratamento anti-termitas para o que precisa de estudos e propostas de intervencións. Actualmente, estes documentos técnicos atópanse en fase de redacción e se prevé a súa finalización nun prazo de 6 meses.
Centro Sociocultural
O titular da Consellería de Cultura e Turismo, tamén anunciou na súa visita a Carnota a colaboración da Xunta de Galicia na financiación da construción dun centro sociocultural de usos múltiples en O Viso. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, comprometeuse a participar neste proxecto cunha partida de 50.000 euros para o inicio das obras, a través dun convenio que será asinado en xaneiro de 2010. O Conselleiro expresou o seu apoio a Escola Municipal de Música. As fotografías pertencen precisamente a ese momento da visita.