16 NOVAS LIÑAS SE ENGADEN ESTA FIN DE SEMANA AO NOITEBÚS

• Sumadas ás 26 rutas xa concedidas, en total haberá 42 liñas de Noitebús en toda Galicia

• O prezo do billete será de 2 euros durante toda a noite e os horarios pódense consultar na web da CPTOPT

• As novas rutas entran en funcionamento despois de que concellos e empresas completasen a documentación requirida pola Dirección Xeral de Transportes

A Dirección Xeral de Transportes ven de outorgar subvencións para a implantación de outras 16 liñas de Noitebús a partir desta fin de semana despois de que os concellos e empresas de transporte interesadas nestes servizos completasen a documentación requerida . Así, tras analizar os expedientes xa completos, autorizáronse novos servizos de transporte nocturno baixo a marca Noitebús en concellos non só próximos ás grandes urbes ou aos lugares de lecer da costa senón tamén en comarcas do interior ou rurais como a Costa da Morte, Barbanza, Ordes, Portomarín, Melide e Ourense.

Estes servizos engádense ás 26 rutas que xa funcionaban en toda Galicia de xeito que agora haberá 28 na provincia da Coruña, 4 na provincia de Lugo, 5 na provincia de Ourense e outras 5 na provincia de Pontevedra. O servizo de Noitebús ten maior número de rutas na provincia da Coruña debido a que tanto os concellos como as empresas de transporte desta provincia son os que en maior medida solicitaron acollerse a esta Orde de subvencións. Con todo, aínda quedan por resolver algunhas peticións que presentaban  expedientes incompletos.

A ampliación e vocación de permanencia no tempo destes novos servizos do Noitebús é posible grazas á Orde de subvencións que convocou a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a principios do pasado mes de xuño e á que se destinaron un total de 800.000 euros, dos que 600.000 ían dirixidos a entidades locais e 200.000 a empresas de transporte.

As liñas, horarios e períodos de prestación do servizo poderanse consultar na web de Política Territorial (www.cptopt.xunta.es). O custo do billete será, en todos os casos, de 2 euros, importe que dará dereito á utilización sen límite de veces do servizo ao longo dunha mesma xornada.

Cómpre lembrar que o Noitebús enmárcase dentro da aposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, que dirixe María José Caride, por reducir a siniestralidade nas estradas, especialmente entre a xente nova durante os desprazamentos nocturnos a lugares de lecer en períodos de fin de semana e festivos.

ADXÚNTANSE NA NOVA PÁXINA AS LIÑAS DE NOITEBUS