POLÍTICA TERRITORIAL SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA O ESTUDO INFORMATIVO E DE IMPACTO AMBIENTAL DA VARIANTE CEE-BRENS DA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DA COSTA DA MORTE

• O estudo plantexa tres posibles trazados moi similares, decantándose en principio pola alternativa máis alonxada das vivendas que se considera mellor dende os puntos de vista técnico, social, ambiental e funcional

• A variante terá uns 9 quilómetros e requirirá dun investimento aproximado duns 35 millóns de euros

• A CPTOPT ven de licitar a Vía de Alta Capacidade entre Carballo e Berdoias, que estará construída en 2010 e deberá desdobrarse en autovía antes de 2018 cun investimento de 250 millóns de euros

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia o sometemento a información pública do estudo informativo e do estudo de impacto ambiental da variante de Cee que da acceso ao porto de Brens. Esta variante dará continuidade á Vía de Alta Capacidade Carballo-Berdoias (40 quilómetros en fase de licitación das obras) e ao corredor Berdoias-Cee (en redacción do estudo informativo). Ademais, verase complementada coa variante Cee-Sardiñeiro (5 quilómetros cos terreos xa en expropiación).

A variante de Cee que da acceso ao porto de Brens discorrerá polo leste da poboación e terá un enlace intermedio coa AC-552 e coa variante Cee-Sardiñeiro. O estudo informativo que agora se somete a información pública plantexa tres posibles trazados moi similares. Estas opcións teñen 8,91; 8,73 e 9,26 quilómetros, respectivamente, e o estudo informativo considera a primeira como a alternativa máis axeitada. Este trazado é considerado técnica, funcional, social, ambiental e administrativamente viable e presenta as mellores características dende o punto de vista da articulación territorial xa que discorre, na medida do posible, afastado de núcleos de poboación, co que diminúe a súa afección social. Ademais, a nova vía será permeable xa que contará con 6 pasos inferiores e outros 6 superiores. O estudo informativo estima que este trazado requirirá dun investimento aproximado duns 35 millóns de euros.

A sección da nova estrada será de dous carrís de 3,5 metros, dúas beiravías de 2,5 metros e dúas bermas dun metro, que suman un total de 14 metros. Ademáis, a vía constrúese con características de corredor, co que xa estará preparada para o seu desdobramento en autovía cun menor custe se así o require no futuro a intensidade do tráfico.

En licitación a VAC Carballo-Berdoias, que estará operativa en 2010
O sometemento a información pública do estudo informativo da variante Cee-Brens prodúcese tres semanas despois de que se sacase a licitación a construción e explotación da Vía de Alta Capacidade Carballo-Berdoias, que terá características de corredor e que o Goberno galego prevé que estea en servizo no 2010.

O custe estimado de execución do corredor entre Carballo e Berdoias, que ten 42’4 quilómetros de lonxitude, é de 173’36 millóns de euros. Con todo, a concesionaria que resulte finalmente adxudicataria deberá desdobrar este corredor en autovía cando a intensidade do tráfico así o requira e, en todo caso, antes do 2018, actuación que suporá un investimento adicional de 51’2 millóns de euros. En total, para a materialización da infraestrutura o sistema concesional implica que a concesionaria deba asumir un investimento total de 249,5 millóns de euros.

A proposta deseñada pola actual Xunta de Galicia para a Costa da Morte contempla unha substancial mellora sobre as previsións do anterior executivo xa que prevé unha estrada de nova construción libre de peaxe con características de corredor en todo o trazado, dende Carballo ata Cee. Na práctica, este cambio supón que poderá desdobrarse en autovía no momento en que os niveis de tráfico así o requiran e, no treito comprendido entre Carballo e Berdoias, sempre antes de 2018. A nova vía, entre Carballo e Cee, contará en todo o seu percorrido cunha calzada homoxénea de dous carrís de 3,5 metros de ancho cada un, dúas beiravías de 2,5 metros e dúas bermas de 0,75 metros.

Cómpre recordar que fronte ós 25’4 quilómetros de corredor previstos polo anterior goberno, a Xunta de Galicia asume agora a construción de máis de 56 quilómetros e un investimento de máis de 250 millóns de euros para abordar unha infraestrutura fundamental coa que se pretende vertebrar e dinamizar a Costa da Morte e a súa área de influencia.